O Pleno celebrou o 13 de agosto sesión ordinaria

A Corporación de Xermade reuniuse en sesión ordinaria o xoves 13 de agosto, ás 20:00 horas. Foi o primeiro pleno celebrado na renovada sala de sesións, e a sesión abriuse coas palabras de agradecemento do alcalde aos empregados municipais que realizaron os traballos, destacando a labor realizada por Juan José González Vázquez, que se encargou da restauración dos mobles antigos de madeiras nobles que agora locen na estancia.
Na parte resolutiva da sesión aprobouse a conta xeral do exercicio 2019, a non dispoñibilidade de créditos por importe de 62.704,28 euros e os festivos locais para o ano 2021 (martes de entroido, 16 de febreiro, e luns de Santa María, 9 de agosto).
A declaración de non dispoñibilidade de créditos aprobouse a requirimento do órgano de tutela financeira da Xunta de Galicia, dado que se incumpriu a regra de gasto na liquidación do exercicio 2019. Con esta medida, o Concello de Xermade prevé cumprir tanto o principio de estabilidade orzamentaria coma a regra de gasto cando se liquide o exercicio 2020.
Na sesión de control e fiscalización, douse conta dos decretos da Alcaldía adoptados dende a última sesión ordinaria, dos envíos realizados pola Intervención a través da Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas entidades locais (entre os que destaca o Período Medio de Pago do 2º trimestre, de 14,56 días), e a Alcaldía informou ao Pleno tanto das medidas adoptadas por mor da COVID-19 como das subvencións solicitadas, e xustificouse a adopción de resolucións contrarias aos reparos da Intervención municipal.
Enlace á convocatoria: 20200806_Resolución_Decreto de Alcaldía _ Decreto de Presidencia _DECRETO 2020-0322 [DECRETO CONVOCATORIA]