A Biblioteca Municipal de Xermade incorpórase á iniciativa MAVI, a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero

A Biblioteca Municipal de Xermade súmase ao proxecto MAVI (Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero), unha iniciativa promovida pola Subdelegación do Goberno en Lugo que ten como obxectivo fomentar a sensibilización e a concienciación social en materia de igualdade e prevención da violencia contra as mulleres a través da lectura.

O proxecto busca achegar á cidadanía materiais bibliográficos que favorezan a reflexión sobre cuestións como a violencia de xénero, o feminismo, o empoderamento, a autoestima, os estereotipos e os roles de xénero presentes na sociedade.

A maleta reúne unha selección de libros dirixidos a diferentes públicos, con lecturas infantís, xuvenís e para persoas adultas, co propósito de implicar a todas as xeracións na construción dunha sociedade máis igualitaria e libre de violencia.

Ademais dos libros, MAVI incorpora fichas bibliográficas e un diario de viaxe no que as persoas lectoras poden deixar as súas impresións, expresar o que lles transmitiron as lecturas e compartir as aprendizaxes e reflexións que xurdan da experiencia.

A iniciativa, que comezou a súa andaina na provincia de Lugo en 2022, continúa percorrendo diferentes concellos, centros e entidades da provincia. A súa presenza na Biblioteca Municipal de Xermade permite incorporar este recurso aos servizos bibliotecarios e ofrecer á veciñanza novas oportunidades de lectura, información e sensibilización.

Desde a Biblioteca Municipal de Xermade anímase á veciñanza a achegarse a coñecer MAVI e descubrir as lecturas que viaxan na súa maleta, contribuíndo así á reflexión colectiva sobre a igualdade e á prevención da violencia de xénero.

A lectura é tamén unha ferramenta para educar na igualdade e construír unha sociedade máis xusta.

Outras entradas