Xornada informativa sobre o parque eólico Santuario

O Concello de Xermade organiza unha xornada informativa para a veciñanza afectada pola instalación do “Parque Eólico Santuario”. Participará D. Xavier Simón Fernández, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, e Dª. María Montero Muñoz, profesora titular do departamento de Fundamentos da análise económica e historia e institucións económicas da Universidade de Vigo.
Ambos profesores forman parte do Observatorio Eólico de Galicia. O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) é unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia. O OEGA naceu da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo. Desde xuño de 2023, a Fundación Paideia Galiza forma parte do padroado do Observatorio.
O Observatorio, liderado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, ten por obxecto realizar investigacións sobre o sector eólico en Galicia co gallo transferir coñecemento entre os axentes participantes, ademais de favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques eólicos e identificar e amosar os impactos que a enerxía eólica xera no mundo rural.

Día: Martes, 12 de decembro
Lugar: Salón de Actos do CEIP de Xermade
Hora: 18:30