Sesión ordinaria do pleno do mes de maio
O Pleno da Corporación xermadesa reuniuse o pasado xoves 15 de maio en sesión ordinaria, ás 20.00 horas.
Na parte resolutiva acordouse a imposición dunha taxa polo uso común especial do dominio público derivado das actividades extractivas de madeira, a razón de 0.60 euros por tonelada extraída nos montes e espazos forestais do municipio. Deste xeito Xermade súmase aos seis concellos da provincia de Lugo pioneiros na imposición desta taxa (Meira, Pol, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza) no ano 2020, a fin de que as arcas municipais podan facer fronte á reparación de vias municipais deterioradas por mor da actividade forestal.
Tamén se aprobou a modificación da ordenanza fiscal da taxa de saneamento, a fin de gravar a prestación deste servizo e non só a acometida. No ano 2021 iniciouse a modernización da rede de saneamento, cunha nova depuradora no Empalme, na parroquia de Cabreiros, e no Campo da Feira, na parroquia de Momán. O Concello aprobou en novembro de 2024 unha auditoría da rede de saneamento, e prevé ir executando as medidas de mellora previstas no citado documento a partir do 2025, para o que xa ten solicitada unha axuda a Augas de Galicia.
A Lei estatal 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, esixe que en abril do 2025 os concellos teñan implantada unha taxa de residuos non deficitaria, que reflicta o custo total do servizo e que permita o pagamento por xeración. A Federación Galega de Municipios e Provincias elaborou unha guía para a elaboración, tramitación e aprobación de ordenanzas fiscais en materia de residuos que dea cumprimento a esta esixencia. A ordenanza fiscal aprovada provisionalmente nesta sesión polo Pleno segue este modelo, aínda que a taxa aprobada unicamente acada o 71,73 por cento de nivel de autofinanciamento (a taxa actual acada o 34,51 por cento).
Por último, douse cumprimento á obriga de aprobar un Plan económico-financeiro para os anos 2025-2026 derivado do incumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e regra o gasto na liquidación do exercicio 2024.
A sesión foi retransmitida en directo e pode visionarse na canle: https://xermade.seneca.tv/activity