Pleno ordinario celebrado o 15 de decembro de 2022

O Pleno corporativo reuniuse en sesión ordinaria o xoves 15 de decembro de 2022, ás 20.00 horas. Aprobouse unha bonificación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras do 95% a solicitude dunha empresa que ampliou a súa actividade coa construción dunha nave industrial para almacenamento de estruturas de madeira no polígono de Xermade, elixiuse xuíza de paz titular para os vindeiros catro anos e aceptouse a cesión de tramos antigos das estradas autonómicas:
• Estrada de titularidade autonómica que comunica a AC-170 e AC-861 na que se realizou senda peonil
• Sobrante ao carón da AC-170 próximo ao Campo de fútbol de Cabreiros
• Sobrante nas proximidades en O Empalme no nó da AG-64, a LU-861, LU-540 e LU-170
Estes espazos foron solicitados con motivo dun proxecto de actuacións para mellora da área recreativa da Acea, no río Trimaz, e construción de área de autocaravanas a carón do campo de fútbol de Cabreiros, que non resultou beneficiario das axudas de Reserva da Biosfera para os anos 2022 e 2023.
Na parte de control e fiscalización, o Partido Popular presentou unha moción para esixir a mellora da cobertura de liñas telefónicas e transmisión de datos 4G no termo municipal, que se aprobou por unanimidade. Porén, a Alcaldía xa se dirixira ás principais compañías de telecomunicacións que operan en Xermade en data 1 de decembro para esixir unha mellora das telecomunicación no concello.
Dende a Corporación municipal despediuse a sesión desexando unhas felices festas á toda a veciñanza.