O proxecto de rehabilitación da reitoral recibe un recoñecemento do MITECO

O Concello de Xermade foi recoñecido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) polo seu proxecto de rehabilitación de Casa Reitoral de Xermade para Centro Internacional da Torneiría.

O MITECO recoñeceu 39 iniciativas exemplares na execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia distribuidas en tres categorías:

  • Innovación: polo desenvolvemento de proxectos pioneiros nos seus ámbitos de actuación
  • Impacto ou efecto multiplicador: pola súa capacidade de transformaicón territorial, social ou sectorial
  • Actuacións integrais: por abordar de xeito holístico múltiples liñas de actuación do ministerio

O Concello de Xermade foi recoñecido nesta última liña “polo desenvolvemento do seu proxecto para crear o Centro Internacional da Torneiría, un espazo dixital cunha proposta innovadora de divulgación, investigación e creación arredor do oficio tradicional da torneiría, o que supón a abordaxe e integración de varias liñas de actuación do MITECO”, segundo indica a nota de prensa publicada onte polo propio Ministerio.

O acto celebrouse o xoves 11 de setembro no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. En representación do concello recolleu o recoñecemento a arquitecta xermadesa Luz Paz Agras, redactora do proxecto e codirectora das obras xunto con Marta Marcos Maroño. A celebración do pleno ordinario na data de onte impediu a asistencia ao acto de membros da Corporación.

Nota de prensa do MITECO: 25.09.11_Ndp_MITECO_reconoce_39_iniciativas_PRTR

 

Outras entradas