O Concello de Xermade continuará co aglomerado de vías municipais no 2023

O Concello de Xermade, a través da Xunta de Goberno Local, solicitou á Deputación de Lugo unha axuda de 100.000 euros para o proxecto “Reparación de estradas en Roupar, Touza, Penavaqueira e Lousada”, redactado en marzo de 2023 polo enxeñeiro de camiños, canles e portos Miguel Ángel Fernández Rivera (colexiado 27796), cun importe total, IVE incluido, de 119.823,92 euros.
O Concello de Xermade ten unha extensa rede de estradas, e o correcto mantemento e conservación desta rede esixe mellorar a capa de rodadura de determinadas vías municipais mediante unha capa de 5cms de formigón bituminoso, previa limpeza das cunetas, para posteriormente proceder ao pintado da sinalización viaria.
Este proxecto constitúe a terceira actuación deste tipo na rede viaria municipal, posto que no 2022 executáronse dous proxectos: “Reparación de estradas en Rebuxentos” (financiada con 90.000 euros pola Deputación de Lugo), e “Reparación de estradas en A Criba, Candamil, Cabreiros e O Aruxo” (financiada con remanente de tesouraría).
Os tramos nos que se actúa son os seguintes:
– Roupar, nun tramo de 250 metros de lonxitude
– Penavaqueira, nun tramo de 430 metros de lonxitude
– A Touza, nun tramo de 375 metros de lonxitude
– Lousada, en dous tramos de 900 e 150 metros de lonxitude
Son tramos de grande afluencia de tráfico nas respectivas parroquias.
O Concello xa solicitou as autorizacións sectoriais preceptivas para a execución da obra, que agarda poder licitar ao longo do mes de abril.
Consulte o proxecto das obras: 20230307_PROYECTO AGLOMERADOS 2023 signed