Nova área de xogos infantís en Roupar

O Concello de Xermade recibiu a primeiros deste mes de novembro a obra denominada “Área de xogos infantís en Roupar”, adxudicada a Jardinería Arce SL en 63.987,38 euros, dos cales 58.671,30 euros foron achegados pola Deputación de Lugo a través do Plan Único de cooperación cos concellos do ano 2022.
O parque executouse na parcela que o concello adquiriu ao Arcebispado de Mondoñedo-Ferrol, constituíndo a primeira fase dun proxecto que inclúe a rehabilitación e ampliación da Casa Reitoral de San Pedro Fiz para dedicala a centro de día para persoas maiores.
Trátase da segunda área de xogos para a infancia que se executa na parroquia de Roupar, despois de que no 2018 se fixera o primeiro parque no lugar da Criba, a carón da antiga escola unitaria, dunha parcela cedida pola veciñanza ao concello.