III Certame de creación artística escrita e gráfica “Xermadeando pola igualdade”.
BASES DO III CERTAME “Xermadeando pola igualdade”. EXPTE. 294/2026.
O Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Xermade 2024-2026 foi aprobado polo Pleno da Corporación na sesión ordinaria celebrada o 9 de novembro de 2023 e publicado no BOP nº 262 o 15/11/2023. Na área 2 “Educación e conciliación familiar” establece unha liña de axudas destinadas ao alumnado do CEIP Xermade para certames literarios con motivo do Día das Letras Galegas ou Nadal, entre outros, a fin de fomentar a creación artística (literatura ou debuxo).
A Constitución española, no seu artigo 14, proclama o dereito a igualdade e prohibe calquera discriminación por razón de sexo e, no artigo 9.2, formula o mandamento expreso aos poderes públicos para que promovan as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas.
O ámbito municipal, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, recoñécese como o idóneo para desenvolver accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, a prevención e a erradicación da violencia de xénero, así como para establecer as condicións que posibiliten a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e social.
Co gallo de avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes, o Concello de Xermade considera imprescindible traballar co alumnado do CEIP de Xermade, ao que convida a participar nun certame de creación artística escrita e gráfica coa igualdade como temática central. Aqueles alumnos e alumnas que queiran participar deben seguir as presentes bases do certame:
Primeira.- Categorías
Poderán concorrer ao certame o alumnado matriculado no CEIP Plurilingüe de Xermade durante o curso 2025/2026. As categorías serán:
– Categoría A: Alumnado de Infantil, de 1º e de 2º de Primaria.
– Categoría B: Alumnado de 3º e de 4º de Primaria.
– Categoría C: Alumnado de 5º e de 6º de Primaria.
Segunda. Temática.
O tema do concurso baseará sobre a volta ó mundo en igualdade, as obras poderán servir para descubrir que, aínda que existen moitas diferenzas culturais, lingüísticas ou sociais, todos os nenos e nenas comparten os mesmos dereitos e deben ter as mesmas oportunidades. O foco estará na igualdade de xénero, promovendo a idea de que nenos e nenas poden xogar, aprender, soñar e participar en igualdade en calquera parte do mundo, deben ser tratados con respecto, ter as mesmas oportunidades e poder construír libremente o seu futuro. Nos traballos tamén se poderán amosar situacións nas que aínda existen desigualdades entre ambos sexos, ofrecendo unha visión crítica ou propoñendo cambios cara a un mundo máis xusto. Cada categoría terá unha modalidade:
– Categoría A: Creación dun debuxo.
– Categorías B e C: Creación dun conto, en lingua galega.
Terceira.- Formato.
Os traballos deben ser inéditos e orixinais, presentados exclusivamente nun folio de tamaño DIN A4, sen utilizar medios dixitais para a súa realización. Entregaranse só co título, sen ningunha identificación persoal.
Cuarta.- Recepción.
A entrega dos traballos será presencial, na Biblioteca Municipal de Xermade, dende a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo ata o 5 de xuño. Para formalizar a inscrición será necesario a presentación do traballo e o Anexo I cuberto.
Quinta.- Premios
Todo o alumnado participante recibirá un vale por 30 € no momento da entrega do traballo para material escolar, previa presentación da autorización para a consulta de datos tributarios que figura no anexo I. O vale poderá ser trocado ata o mércores 14 de outubro de 2026.
O importe global dos premios ascende a dous mil trinta e cinco euros (2.035,00.-), para os que existe crédito na aplicación orzamentaria 321.489 do vixente Orzamento municipal 2026 do Concello de Xermade.
De entre os traballos entregados, escolleranse tres premios por cada categoría, que recibirán os seguintes premios:
– Categoría A:
1ºPremio: vale para material escolar por valor de 60 €
2ºPremio: vale para material escolar por valor de 40 €
3ºPremio: vale para material escolar por valor de 35 €
– Categoría B
1ºPremio: vale para material escolar por valor de 85 €
2ºPremio: vale para material escolar por valor de 65 €
3ºPremio: vale para material escolar por valor de 50 €
– Categoría C
1ºPremio: vale para material escolar por valor de 85 €
2ºPremio: vale para material escolar por valor de 65 €
3ºPremio: vale para material escolar por valor de 50 €
Sexta.- Xurado.
O xurado estará formado por cinco persoas:
Presidenta: Dona Nélida Coira Pena, Concelleira de Benestar social, Igualdade e Participación Cidadá do Concello de Xermade
Vogais:
1º Don Antonio Riveira Requeijo, Voceiro do grupo municipal do Partido Popular do Concello de Xermade
2º Dona Ana Oseira Portela, Administrativa do Concello de Xermade.
3º Don Rubén López Eiras, Director do CEIP Plurilingüe de Xermade.
Secretaria: Dona Lucía Guizán Trastoy, Educadora familiar do Concello de Xermade.
O fallo do xurado levarase a cabo antes do 22 de xuño de 2026 e publicarase na sede electrónica e no taboleiro de anuncios do Concello de Xermade.
A entrega dos premios terá lugar na Biblioteca Municipal de Xermade.
Sétima.- Participación.
A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sobre as que, diante de calquera dúbida, prevalecerá a resolución que adopte o xurado, por maioría simple dos seus membros.
O incumprimento das bases suporá a descualificación no concurso.
En contra das decisións do xurado non caberá ningún tipo de recurso.





