Cese da actual Corporación e toma de posesión da nova

O Pleno da Corporación reuniuse onte en sesión extraordinaria para aprobar a acta da sesión ordinaria celebrada o pasado 8 de xuño de 2023. O artigo 36 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais aprobado por Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro dispón o seguinte: “O terceiro día anterior ao sinalado pola lexislación electoral para sesión constitutiva dos Concellos, os Concelleiros cesantes, tanto do Pleno como, no seu caso, da Comisión de Goberno, reuniranse en sesión convocada ao só efecto de aprobar a acta da última sesión celebrada”. En aplicación deste mesmo precepto, tamén se reuniu a Xunta de Goberno Local.

A Corporación resultante das eleccións municipais celebradas o 28 de maio de 2023 tomará posesión o sábado 17 de xuño ás 13:15 horas. Mántense a representación actual, posto que o PSdeG-PSOE acadou 5 concelleiros/as e o Partido Popular 4.

O pleno constitutivo estará presidido por unha mesa de idade, conformada polas concelleiras Nélida Coira Pena e Sandra De Bernardo Eimil, ata a elección de alcalde.

A normativa dispón que a sesión extraordinaria do pleno na que se aprobe a organización da nova Corporación municipal se celebre dentro dos trinta días seguintes ao da sesión constitutiva.