A Biblioteca Municipal de Xermade celebra o Día das Escritoras co espectáculo «Sinfonía de contos»
A Biblioteca Municipal de Xermade conmemorará o Día das Escritoras este luns cunha actividade de narración oral e música en directo dirixida ao alumnado do CEIP de Xermade. A actuación terá lugar ás 12:15 horas e estará protagonizada por Inma Soto, escritora e veciña de Xermade, acompañada pola clarinetista Tamara Soto, co espectáculo Sinfonía de contos.
A proposta combina a narración oral coa interpretación musical en directo, a través dunha selección de contos que apelan á sensibilidade, á tradición e ás relacións humanas. O espectáculo incorpora tamén ritmos corporais e cantigas participativas, favorecendo a implicación do público e o achegamento ás historias desde diferentes linguaxes artísticas.
A celebración do Día das Escritoras constitúe unha oportunidade para visibilizar o papel das mulleres na literatura e recoñecer a importancia da palabra e da transmisión das historias. Neste contexto, a participación de Inma Soto, escritora vinculada á comunidade local, achega unha dimensión próxima e especial á conmemoración.
Esta actividade servirá tamén para pechar a programación da Biblioteca Municipal de Xermade no marco de Ler conta moito, iniciativa impulsada pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia para promover a lectura e a dinamización cultural.





