Ruta Xacobea 2022 desde Xermade

O Concello de Xermade, con motivo da celebración do Xacobeo 2022, promove e organiza a ruta a pé desde Xermade ata Santiago de Compostela:

Etapa Data
1º Xermade-Guitiriz 9/04/2022
2º Guitiriz-Sobrado 23/04/2022
3º Sobrado-Arzúa 7/05/2022
4º Arzúa-O Pino 21/05/2022
5º O Pino-Santiago 04/06/2022

Saída: Todos os sábados ás 8.00 diante do Concello.
Autobús gratuíto desde Xermade ata o comezo da etapa, así como de regreso ó remate de cada xornada.

Inscricións: no 982 50 10 02 (ata dous días antes do comezo de cada etapa). Aforo limitado.

Máis información: 678 744 178 (Lucía)

Cada persoa levará a súa comida para xantar ó finalizar a etapa. Mentres camiñamos contaremos con: transporte de apoio, auga e caixa de primeiros auxilios proporcionados polo concello.

*Prioridade para persoas empadroadas.O concello reserva o dereito de cancelar a actividade ou etapas se non se dá un mínimo de inscricións

O Concello de Xermade solicita as axudas da reserva de biosfera para tres proxectos de posta en valor do medio ambiente e recursos turísticos

No DOGA do 11.02.2022 publicouse a Orde do 20 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724B).

Destas axudas poderán ser beneficiarios os concellos incluidos no ámbito territorial de calquera das 7 Reservas da Biosfera de Galicia. O Concello de Xermade pertence á Reserva de Biosfera Terras de Miño, á que pertencen outros 25 concellos da provincia de Lugo.

O proxecto de posta en valor e promoción da Reserva da Biosfera Terras do Miño no Concello de Xermade obtivo o aval do órgano xestor da reserva e contempla as seguintes actuacións:

Actuación 1: desbroce para a conservación de ecosistemas forestais e prevención de incendios forestais e eliminación de acacias, nun espazo de 9 hectáreas propiedade da Comunidade de Montes de Lousada, cun orzamento de 15.300,00 euros.

Actuación 2: creación dun aparcadoiro de autocaravanas para fomentar o turismo sostible na área recreativa de Cabreiros, nun espazo de titularidade autonómica (está tramitándose a cesión), cun orzamento de 18.946,00 euros.

Actuación 3: embelecemento da zona de baño na área recreativa de Cabreiros, cun orzamento de 44.700,00 euros. Restauraránse as comportas de enchido e baleirado da zona de baño e instalarase unha pasarela de 17 metros de lonxitude por 2 metros de ancho para conectar a illa coa propia área recreativa.

En total, o orzamento sen IVE ascende a 78.946,00 euros, dos cales se solicita o 100%. O IVE será achegado polo Concello de Xermade.

💜 Cultivando o xerme da igualdade 🌱

O Alcalde Roberto García Pernas, a Concelleira de Educación, Cultura, Deportes, Xuventude e Relacións coas Asociacións Veciñais Verónica Amarelo Morado e a Concelleira Benestar social e Igualdade Nélida Coira Pena, fixeron entrega este 8 de marzo de 2022 no CEIP Plurilingüe de Xermade do libro “En Xermade somos iguais”, no que Os Bolechas son os protagonistas, divulgando mensaxes en favor da igualdade para romper coa brecha de xénero desde @s máis pequen@s.

Financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade (Xunta de Galicia)