O Pleno de Xermade celebrou sesión ordinaria o pasado 16 de decembro de 2021

A sesión ordinaria do mes de decembro celebrouse o xoves 16, ás 20.00 horas. Aprobáronse as actas das sesións celebradas o 21 de outubro e o 18 de novembro, e douse conta de diversos asuntos, entre eles as subvencións xustificadas no último trimestre do ano ou a execución trimestral e o Período Medio de Pago do terceiro trimestre, que é 16,12 días.

Na parte de mocións, o grupo municipal do Partido Popular presentou unha moción contra a orde ministerial de inclusión do lobo na listaxe de especies en réxime de protección especial e outra en apoio do sector lácteo.

Douse conta tamén do anuncio de aprobación definitiva do orzamento do exercicio 2022, no BOP nº 260 o 20 de novembro de 2021.

Acceda aquí ao documento INFORMES DA ALCALDÍA: INFORMES DA ALCALDÍA

O Concello de Xermade adquire a reitoral de Santa María

O Concello de Xermade chegou a un acordo a mediados do ano 2021 co Bispado de Mondoñedo-Ferrol para a adquisición das casas reitorais de Santa María de Xermade e San Pedro Fiz de Roupar, no prezo de 100.000 euros.

A superficie da casa reitoral de Santa María de Xermade é de 307 m2, segundo a información catastral. Está ubicada nunha parcela que ten 7.575 m2 en en solo de núcleo rural e 2.686 m2 en solo rústico. O inmoble foi rehabilitado exteriormente grazas a un obradoiro de emprego.

A adquisición formalizouse en escritura pública na Notaría de Vilalba o pasado 29 de novembro. Aínda que a previsión era que fose financiada con fondos propios, a través do remanente líquido de tesouraría, finalmente financiouse con cargo a un convenio interadministrativo que xa fora subscrito o 30/12/2020 coa Deputación de Lugo para a adquisición dun camión contra incendios, que se modificou a petición do concello para ampliar o seu obxecto, aproveitando así os fondos provinciais, que ascendían a 60.000 euros.

O camión contraincendios usado adquiriuse directamente ao Concello de San Tirso de Abres, no prezo de 11.000 euros, dos cales a Deputación achegou 10.000 euros e o resto o Concello de Xermade.

A adquisición da reitoral de San Pedro Fiz de Roupar precisa segregar parte da parcela, na que se ubica a igrexa, e o Concello de Xermade agarda poder formalizalo antes do remate deste ano 2021.