O Concello de Xermade solicita as axudas da reserva de biosfera para tres proxectos de posta en valor do medio ambiente e recursos turísticos

No DOGA do 11.02.2022 publicouse a Orde do 20 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para actuacións de concellos e entidades en reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724B).

Destas axudas poderán ser beneficiarios os concellos incluidos no ámbito territorial de calquera das 7 Reservas da Biosfera de Galicia. O Concello de Xermade pertence á Reserva de Biosfera Terras de Miño, á que pertencen outros 25 concellos da provincia de Lugo.

O proxecto de posta en valor e promoción da Reserva da Biosfera Terras do Miño no Concello de Xermade obtivo o aval do órgano xestor da reserva e contempla as seguintes actuacións:

Actuación 1: desbroce para a conservación de ecosistemas forestais e prevención de incendios forestais e eliminación de acacias, nun espazo de 9 hectáreas propiedade da Comunidade de Montes de Lousada, cun orzamento de 15.300,00 euros.

Actuación 2: creación dun aparcadoiro de autocaravanas para fomentar o turismo sostible na área recreativa de Cabreiros, nun espazo de titularidade autonómica (está tramitándose a cesión), cun orzamento de 18.946,00 euros.

Actuación 3: embelecemento da zona de baño na área recreativa de Cabreiros, cun orzamento de 44.700,00 euros. Restauraránse as comportas de enchido e baleirado da zona de baño e instalarase unha pasarela de 17 metros de lonxitude por 2 metros de ancho para conectar a illa coa propia área recreativa.

En total, o orzamento sen IVE ascende a 78.946,00 euros, dos cales se solicita o 100%. O IVE será achegado polo Concello de Xermade.