Nomeamento de José Mouriño Cuba como fillo predilecto do Concello de Xermade

O Pleno do Concello de Xermade acordou onte, por unanimidade, nomear fillo predilecto a José Mouriño Cuba, nado en Lousada en 1948, pola súa traxetoria profesional en prol do sector agroalimentario galego en xeral e da Terra Chá e Xermade en particular.
A Alcaldía designou ao concelleiro Antonio Riveira Requeijo como instrutor do expediente, a fin de que recabara os méritos de José Mouriño Cuba que o fan merecedor desta distinción.
Acadou o Título de Enxeñeiro Técnico Agrícola e de Licenciado en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago. Pertence ao Corpo Especial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do Estado e ao Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia como Biólogo. Foi presidente e cofundador do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense. Axudou a crear varias Denominacións de Calidade como medio de fomentar e acadar o proceso de industrialización agroalimentaria do campo en Galicia, entre os que destacan os Proxectos do Viño da Ribeira Sacra, Queixo de San Simón e Implantación da Agricultura Ecolóxica, entre outras varias, como a Castaña, Queixo do Cebreiro, etc.
José Mouriño Cuba tamén publicou “Lousada, un berce de lecer”, con poemas coa súa parroquia natal, a súa historia e os seus costumes como protagonistas.
O homenaxeado recibiu de mans do alcalde, Roberto García Pernas, un pin co escudo heráldico municipal e un diploma artístico, ademais dos dous tomos editados polo Concello do Premio Xermade na Historia. O acto, sinxelo e emotivo, rematou coas palabras de agradecemento de José Mouriño polo título concedido.