Licitacións de obras e axudas aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 12 de maio de 2021

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade reuniuse en sesión ordinaria o pasado mércores 12 de maio. Entre os asuntos que se trataron, cabe destacar a licitación do proxecto “Mellora de camiños en Sanche, Piñeiro e O Tarrelo”, financiado con cargo ao Plan de Mellora de Camiños 2021-2022 de Agader, por importe de 69,515,71 euros (IVE incluido); e de dous investimentos financiados con cargo ao Plan Único 2021: “Reparación de estradas en Picoucelo, Vilacide, O Rego, Nova, Gandia, A Pinguela, etc.”, por importe de 105.382,00 euros (a achega municipal ascende a 15.325, 20 euros); e “Reparación de estradas en Momán, Bidueiro, Pena de Arca, etc.”, por importe de 80.965,64 euros.

Tamén se aprobaron as bases e a convocatoria das axudas a familias para nacementos, adopcións e acollementos, de 900 euros por familia, ata o crédito máximo de 7.200,00 euros.

Douse conta da concesión dunha axuda convocada por Resolución do 18 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Formación Profesional, pola que se conceden axudas a entidades locais territoriais e entidades públicas dependentes das entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e da comunicación a través de Aula Mentor, recibida o 30/04/2021 (rexistro nº 2021-E-RC-706), pola que Xermade resulta beneficiaria por importe de 4.000,00 euros.

Por último, úxose en coñecemento da Xunta de Goberno Local a inadmisión por parte da Consellería de Medio Ambiente da solicitude de axuda para ampliación de beirarrúas en Roupar, ao abeiro da Orde do 5 de marzo de 2021 (publicada no DOG o 8 de marzo), por esgotamento do crédito. Segundo publicou a Consellería no DOG o 28 de abril, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito entrou ás 00.09.43 horas do 9 de marzo.