Entrega de premios do II certame “Xermadeando pola igualdade”

Onte entregamos os premios do II certame “Xermadeando pola igualdade” do ano 2025. No acto estiveron presentes o alcalde Roberto García Pernas, a Concelleira de Benestar social, Igualdade e Participación Cidadá Nélida Coira Pena, a Concelleira de Educación, Cultura, Deportes e Xuventude Verónica Amarelo Morado e a Concelleira do grupo municipal do Partido Popular Sandra De Bernardo Eimil.

Co gallo de avanzar na consecución do obxectivo común de acadar unha sociedade igualitaria e coas mesmas oportunidades para mulleres e homes, o Concello de Xermade considera imprescindible traballar co alumnado do CEIP de Xermade, ao que convidou unha vez máis a participar nun certame de creación artística escrita e gráfica coa igualdade como temática central.

Un vale para material escolar, un pequeno detalle e un libro que aborta a temática da violencia de xénero, foron os premios que se entregaron ás persoas premiadas.

Logo da entrega, a rapazada participou nun obradoiro infantil a cargo de Marisa Irimia baixo o título de “Creando IGUALDADE”, no cal, mediante a creatividade, e a través do xogo e diferentes recursos plásticos, exploraron, dun xeito lúdico, un territorio de reivindicación da figura da muller: Mulleres na arte, na ciencia, no deporte, en diferentes profesións, mulleres que abriron e abren camiño cara un sociedade máis igualitaria, que contribúen, cos seus coñecementos, a crear unha sociedade mellor, que se prestaron a xogar dándose a coñecer.

Tanto os libros como o obradoiro foron financiados con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

Outras entradas