A Biblioteca Municipal de Xermade pon en marcha unha nova programación anual de actividades
A Biblioteca Municipal de Xermade pon en marcha, a partir do mes de setembro, unha nova programación de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano, coa finalidade de ampliar as propostas da biblioteca e fomentar a participación, a aprendizaxe e o encontro entre a veciñanza.
A programación estará composta polas seguintes actividades:
- Club de calceta: os luns, ás 18:00 horas. Un espazo de encontro para persoas interesadas nas labores, no que poderán compartir coñecementos, experiencias e tempo de lecer.
- Informática para adultos: os martes, ás 12:00 horas. Unha actividade orientada á adquisición e mellora de coñecementos e competencias dixitais.
- Club de deberes: os mércores, ás 17:30 horas. Un espazo de apoio e acompañamento na realización das tarefas escolares, pensado para o horario posterior á saída do colexio e ás actividades extraescolares.
- Intercambio de idiomas: os xoves, ás 18:00 horas. Un espazo para practicar diferentes linguas a través da conversa e do intercambio de coñecementos.
- Xogos de mesa: os venres, ás 17:30 horas. Unha proposta de lecer para descubrir e compartir diferentes xogos de mesa en compañía.
As actividades comezarán o 14 de setembro. Para participar será necesario realizar unha inscrición previa na Biblioteca Municipal de Xermade, cun prazo aberto ata o 11 de setembro.
A posta en marcha de cada actividade estará condicionada á formación dun grupo mínimo de participantes.
Nas próximas semanas, a Biblioteca Municipal de Xermade presentará cada unha das actividades a través das súas redes sociais, onde se ofrecerá información máis detallada sobre o seu funcionamento e características.
Con esta nova programación, a Biblioteca Municipal de Xermade continúa ampliando a súa oferta de actividades e consolidándose como un espazo de encontro, participación e aprendizaxe aberto a toda a veciñanza.





