Entroido 2026

O Entroido é tempo de encontro, de creatividade e de diversión compartida, no que a veciñanza se converte na verdadeira protagonista da festa. Co obxectivo de fomentar a participación, a imaxinación e o espírito festivo, o Concello de Xermade convoca o Concurso de disfraces Entroido Xermade 2026 o luns día 16 de febreiro no Pavillón Polideportivo de Xermade.

Animamos a toda a veciñanza a participar activamente no concurso e a achegarse a gozar da festa, facendo do Entroido unha xornada inesquecible chea de risas, convivencia e bo humor.

Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as presentes bases do concurso.

PRIMEIRA: Organización:

A partir das 20.30 horas estará aberto o Pavillón Polideportivo de Xermade para as persoas que necesiten montar estruturas ou preparar os seus disfraces. Sobre as 21.30 HORAS dará comezo a actuación musical, e máis tarde, será o desfile de disfraces diante do xurado. É obrigatorio a asistencia ó desfile para poder participar no concurso. A orde no desfile estará marcada pola organización.

As persoas participantes que necesiten música para o desfile deberán entregarlla á organización antes do inicio do desfile, sempre nun dispositivo USB. A duración da actuación escollida para o concurso será como máximo de 5 minutos. Exceder este tempo poderá penalizarse na decisión do xurado do concurso.

Os grupos poderán acceder ao pavillón con estruturas ou plataformas ata uns tamaños máximos. A organización avisará da suspensión ou mantemento das estruturas no desfile.

O Concello de Xermade resérvase o dereito a pospoñer ou cancelar dito evento ou parte do mesmo por pola existencia de circunstancias que non permitan o desenvolvemento normalizado da actividade (condicións climatolóxicas, restricións sanitarias, ou calquera outra circunstancia que non permita o desenvolvemento normalizado da actividade).

SEGUNDA: Inscrición:

O prazo de inscrición de participantes será desde o momento de publicación destas bases ata o 11 de febreiro. A inscrición poderá facerse de xeito presencial no Concello ou no correo electrónico educadora.familiar@xermade.org, achegando o Anexo I das presentes bases cuberto e un certificado de conta*. Todos os grupos e/ou disfraces inscritos deben levar no momento do desfile o número asignado polo concello.

* Pode descargarse nas aplicacións móbiles de banca electrónica.

TERCEIRA: Categorías e participantes:

Establécense as seguintes categorías no concurso:

PARTICIPANTES NON EMPADROADOS EN XERMADE

  • GRUPO/PARELLAS/INDIVIDUAIS: No caso dos grupos, máis da metade do mesmo non pode estar empadroado en Xermade. Se é individual ou parella, ningunha persoa/s pode estar empadroada.

*Se hai o mesmo número de empadroados que de non empadroados, pasarán á categoría de “Empadroados: 1 ou 2”.

PARTICIPANTES EMPADROADOS EN XERMADE

1. GRUPO ADULTOS: Agrupación formada por un mínimo de tres (3) persoas participantes, con máis da metade das persoas do grupo empadroadas en Xermade, que garden unha unidade temática, e que desfilen ou realicen algunha actuación, ben sexan coplas, bailes ou representacións.

2. INDIVIDUAIS/PARELLAS ADULTOS: Participantes a partir de 16 anos que concursen individualmente ou en parella, debendo, neste caso, gardar unidade temática entre os/as compoñentes.

3. INFANTIL: participantes menores de 16 anos que concursen individualmente, en parella ou en grupo, debendo, neste caso, gardar unidade temática entre os/as compoñentes.

CUARTA: Xurado:

O xurado estará formado por tres persoas voluntarias do público e un secretario/a vinculado/a ó concello, con voz e sen voto, que certificará o cumprimento das condicións establecidas nas bases. Elaborará unha acta na que conste a resolución de disfraces premiados no concurso, asinada por todos os membros. Os premios serán aboados mediante transferencia bancaria, polo que será necesaria a presentación do certificado con número de conta ao realizar a inscrición.

Para a selección de premios o xurado terá en conta:

  1. a representación ou actuación realizada no desfile.

  2. a orixinalidade do disfraces.

  3. a confección dos disfraces.

O xurado resérvase o dereito de declarar deserto algún dos premios se considera que os/as participantes non reúnen a calidade precisa. En caso de quedar deserta algunha das categorías por ese ou outro motivo, o xurado poderá dispor de ese/eses premio/s para entregar a calquera das inscricións realizadas non premiadas previamente.

QUINTA: Premios:

o Concello de Xermade destina un total de mil douscentos euros aos premios deste concurso, consonte ao disposto nas Bases de Execución do Orzamento do exercicio 2026 e o Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2026 publicado no BOP n.º 262 o 15/11/2023.

Existe crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 338.48 do vixente orzamento de gastos por importe de 1.200,00 euros para facer fronte ao presente gasto.

O xurado deberá escoller os seguintes premios:

Non empadroados en Xermade

1º Premio

150 €

2º Premio

100 €

3º Premio

50 €

Participantes empadroados en Xermade

GRUPOS

1º Premio

200 €

2º Premio

150 €

3º Premio

100 €

INDIVIDUAL/PARELLA

1º Premio

100 €

2º Premio

75 €

3º Premio

50 €

INFANTIL

1º Premio

70 €

2º Premio

50 €

3º Premio

25 €

Premio especial “Orixinalidade”

Único

80 €

Premio especial “Orixinalidade”: A este premio optará calquera persoa/grupo inscrito. O xurado valorará para outorgar este premio a orixinalidade do disfrace correspondente ou da posta en escena do mesmo, sempre e cando non se premiase xa nas categorías anteriores.

SEXTA: Aceptación e datos:

A participación no concurso supón a aceptación destas bases, sobre as que, diante de calquera dúbida, prevalecerá a resolución que adopte o xurado, por maioría simple dos seus membros. O incumprimento das bases suporá a descualificación no concurso. En contra das decisións do xurado non caberá ningún tipo de recurso.

As presentes bases e os premios concedidos aos beneficiarios, serán publicados na plataforma da Base de Datos Nacional de Subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

A organización realizará unha cobertura fotográfica dos diferente momentos do desfile. Os/as participantes, mediante a inscrición, consentirán na cesión da súa imaxe para as fotografías que se realizarán durante a celebración deste evento. As fotografías serán utilizadas pola Concello de Xermade con fins divulgativos e para a promoción das súas actividades en medios dixitais.

Anexo I: Folla de Inscrición Entroido Xermade 2026

Bases Entroido Xermade 2026

Outras entradas