Conferencia dentro dos actos do 8 M: “O suxeitador e a súa función na saúde da muller”

O Concello de Xermade continúa cos actos de celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha conferencia da man de Bego Bermúdez, especialista da función do suxeitador na saúde da muller.

A idea central da charla será remarcar a importancia de levar un suxeitador axeitado para coidar a saúde do peito e da muller, xa que o uso inadecuado desta prenda pode conlevar doenzas como dor de costas, hernias, dor de cabeza… remarcando que un suxeitador ben tallado é primeiro saúde e logo estética.

XV Cea da muller de Xermade

O Concello de Xermade comeza a conmemoración do Día da Muller coa tradicional Cea da Muller, que chega á súa XV edición.

A celebración terá lugar o sábado 4 de marzo no restaurante “O Paso” de Candamil, a partir das 21.30 horas. O menú constará de pescada en salsa americana de primeiro, codillo de porco asado de segundo e tarta de tres chocolates de postre. Tamén haberá viño da casa, gaseosa, refrescos e auga.

A xornada rematará cunha actuación musical a cargo do dúo Estrellas e un reparto de agasallos. O prazo para inscribirse remata o 2 de marzo, e será presencialmente no concello, onde se adquiren os tickets da cea, que terán un prezo de 20 euros para mulleres empadroadas en Xermade e de 25 para as non empadroadas.

O Pleno reuniuse en sesión ordinaria o xoves 9 de febreiro

O Pleno da Corporación xermadina celebrou sesión ordinaria o xoves 9 de febreiro de 2023, ás 20.00 horas. Na parte resolutiva aprobouse inicialmente o Regulamento de títulos, honras e distincións, como paso previo á concesión do título de fillo predilecto a José Mouriño Cuba, nado na parroquia de Lousada, unha petición realizada polo Partido Popular vía rogo no pleno de outubro.
Tamén se aprobou un suplemento de crédito por importe de 15325,20 euros, financiado con remanente líquido de tesouraría, para a achega municipal ao programa de investimentos do Plan Único 2023. A Alcaldía explicou a solicitude de participación do concello nesta convocatoria, aprobada pola Xunta de Goberno Local o 8 de febreiro de 2023, desagregada por programas: 1190235_PCC_SOLICITUD TELEMÁTICA_2023
Na parte de fiscalización e control douse conta da liquidación do orzamento do exercicio 2022, que foi aprobada por Decreto da Alcaldía de data 6 de febreiro de 2023, que arroxa un resultado orzamentario de 208.440,62 euros e un remanente líquido de tesouraría para gastos xerais de 600.337,07 euros. No 2022 os gastos financiados co remanente do 2021 ascenderon a 470.878,00 euros, o que supuxo o incumprimento dos principios de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto, sen consecuencias pola suspensión das regras fiscais, que se mantén para 2023.
Ao remate da sesión, o alcalde anunciou que acaban de recibir a proposta de concesión provisional dunha axuda de 403.000,00 euros do Instituto de Transición Xusta para rehabilitar a Casa Reitoral de Xermade, que se transformará nun Centro Internacional da Torneiría, segundo o proxecto redactado polas arquitectas da Universidade da Coruña Luz Paz Agras e Marta Maroño: A Reitoral – CIT
A carpintería exterior do inmoble foi substituida recentemente con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.
O alcalde lamentou que o outro proxecto presentado a esta convocatoria de axudas, a Casa da Veciñanza de Roupar, fora denegado provisionalmente, e anunciou que presentarán alegacións no prazo de dez días outorgado ao efecto.

Entroido 2023

O concurso de disfraces Entroido Xermade 2023 celebrarase o luns día 20 de febreiro, ás 20.00 horas no Pavillón Polideportivo de Xermade.

O prazo de inscrición de participantes será ata o 14 de febreiro.

A inscrición poderá facerse de xeito presencial no Concello ou no correo electrónico educadora.familiar@xermade.org, aportando a folla de inscrición cuberta e un certificado de conta.

Bases Entroido 2023

Inscrición Entroido 2023