O Concello de Xermade licita as escolas culturais e deportivas para o curso 2020-2021

O Concello de Xermade licitou as escolas culturais e deportivas para o curso 2020-2021, resultando adxudicatarios do deporte escolar Laura Rodríguez Román (Picariños) e de costura Beatriz López Lamigueiro. O resto dos lotes de ambas licitacións quedaron desertos, polo que a Xunta de Goberno Local aprobou novamente os correspondentes expedientes de contratación, que actualmente se atopan en fase de presentación de ofertas.

O servizo de escolas deportivas oferta as actividades de loita, hocquei sobre patíns e pilates; namentres que o servizo de escolas culturais oferta as actividades de elaboración de conservas, baile para persoas adultas e faino ti mesm@.

O prazo de presentación de ofertas remata o 21 de setembro de 2020. Toda a información referida a estas dúas licitacións está publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público.

O Concello de Xermade adxudica a obra do Plan de mellora de camiños 2020-2021 de Agader

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade reuniuse o pasado mércores 26 de agosto e, entre outros asuntos, adxudicou a obra “Mellora de camiños en A Pena, As Ribas e Burgás”, incluida do Plan de mellora de camiños 2020-2021 de Agader, á empresa José Sanjurjo Construcciones SL, logo da licitación mediante procedemento aberto simplificado.

A adxudicataria obrígase a executar a mencionada obra polo importe de 37.596,08 euros e 7.895,28 euros correspondentes ao IVE, o que supón un total de 45.491,26 euros (IVE engadido), as melloras ofertadas (limpeza ou reapertura de foxo e beiravía por ambas marxes, con motoniveladora, incluíndo carga e transporte a vertedoiro (3.846 m lineais) e ampliación de garantía de dous (2) anos, consonte á oferta presentada.

O contrato formalizouse o 31 de agosto de 2020 e as obras iniciaranse de inmediato.

Acordo de adxudicación:

Maxia pola igualdade

 

Na próxima feira, o xoves día 3 de setembro, ás 12.30 chega a Xermade o espectáculo infantil ‘A igualdade é maxia’, da man do mago Javier Muro, que busca concienciar na igualdade entre homes e mulleres e a non violencia na sociedade. Dun xeito ameno, trataremos temas como as profesións, os xoguetes,  tarefas do fogar… ¡non volo perdades!

 

A actividade está financiada con cargo ós fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.