XIII XORNADAS INTERXERACIONAIS RURAIS. Aprendendo cos nosos maiores

O sábado, 27 de maio, comezamos na Casa-Escola de Cabreiros as XIII Xornadas Interxeracionais Rurais. Aprendendo cos nosos maiores. Esta actividade está organizada polo Concello de Xermade, Asociación veciñal de Cabreiros e Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre outras entidades colaboran con este proxecto o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Nova Escola Galega (NEG) e a Rede de investigación en Educación e Formación para Cidadanía e a Sociedade do Coñecemento.

As Xornadas están financiadas polo concello de Xermade e a Exma. Deputación de Lugo.

Este ano daremos continuidade ás mesas de experiencias agrogandeiras; falaremos das experiencias radiofónicas nas parroquias de Lousada, Roupar, Xermade, Momán e Cabreiros a través das distintas asociacións veciñais e de mulleres rurais.

Farase entrega do III Premio de Investigación “Xermade na historia” e presentarase o libro “Xermade na historia-1” onde se recollen os traballos premiados nas dúas edicións anteriores.

Na parte médica que se inclúe todos os anos, falaremos de Alerxias co doutor Francisco Javier Carballada González, Xefe do servizo de alerxia do HULA (Lugo).

A Asociación veciñal de Cabreiros fará a presentación da súa nova páxina Web, asimesmo se presentará a Web A Casa da Neveira e a Guía de Xermade e da Serra da Carba da Asociación Cultural Roteiros da Carba.

Cándido Díaz, fotógrafo, achegaranos a Memoria histórica fotográfica da parroquia de Cabreiros, parte dun traballo que se espera máis extenso.

E para rematar, poderemos facer xoguetes coa Sociedade Cooperativa Miudiño e desfrutar do teatro co grupo Aturuxo de Melpómene.

A organización desexa que estas Xornadas sexan do voso interese e nos acompañedes en Cabreiros os días 27 de maio, 3 e 10 de xuño. A entrada para todas as actividades é gratuita ata encher aforo.

Á escena contos!!!