Atención presencial na Casa do Concello a partir do 25 de maio

O Concello de Xermade quere comunicar a súa veciñanza as medidas a adoptar para a atención presencial na Casa do Concello a partir do 25 de maio de 2020:

– A atención ao publico nas dependencias municipais realizarase con cita previa, en horario de 08:30 a 14:30 horas, chamando con anterioridade ao funcionario/a correspondente.

Terá prioridade a atención telemática e telefónica:

o Telemática: Poden entrar na sede electrónica municipal, a través da páxina web: www.xermade.org.

o Vía telefónica: chamando ao 982 50 10 01 ou 608 10 54 64

– Consonte a Orde SND/422/2020, do 19 de maio, pola que se regulan as condicións para o uso obrigatorio de máscara durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE n.º 142 do 20 de maio), as persoas maiores de seis anos deberán acceder ás dependencias municipais con máscara, preferentemente hixiénica ou cirúrxica, que cubra o nariz e a boca.

– Será obrigatorio o lavado de mans con xel hidroalcólico – para o que se habilitou un dispensador na entrada da Casa do Concello – e respectar as distancias de seguridade.

– Procurarase que cada persoa non permaneza máis de quince minutos nas dependencias municipais.

– O uso dos aseos está restrinxido ao persoal municipal

– O uso do ascensor limitarase aos casos imprescindibles e empregaranse preferentemente as escaleiras.

Agradecemos por anticipado o respecto das medidas indicadas.

Axudas fomento natalidade 2020

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade, na sesión ordinaria que tivo lugar o 13 de maio de 2020, aprobou as bases e a convocatoria das axudas a familias por nacemento, acopción e/ou acollemento de fillo/a para o exercicio 2020.

A contía das axudas aumenta un 50% respecto de convocatorias anteriores, de 600 euros aos 900 euros deste exercicio. Como novidade nesta convocatoria, esíxese que as crianzas se matriculen no CEIP de Xermade, nunha aposta do actual goberno municipal polo centro educativo do municipio.

O prazo de solicitude remata o 30 de novembro de 2020.

As persoas interesadas poden contactar cos servizos sociais municipais se precisan información adicional.

E-mail: servizossociais@xermade.org

20200518_Publicación_Anuncio_ANUNCIO BDNS

Recollida de tres reses mostrencas na parroquia de Momán

O pasado 9 de abril de 2020 persoal municipal recolleu tres equinos de propietario/a descoñecido/a na parroquia de Momán.

Dende aquela data os animais atópanse na parroquia de Cabreiros, ao coidado de Fernando Bello Pita, na súa condición de depositario.

Consonte a normativa aplicable (artigo 86.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; e artigo 28 do Decreto 142/2012, do 14 de xuño, que regula o destino dos bens mostrencos), ábrese un período de información pública de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP nº 110 do 15 de maio), para que as persoas propietarias as reclamen.

No caso de que ninguén as reclame, o Concello procederá consonte ao artigo 28.1 do Decreto 142/2012.

Apertura ofertas licitacións investimentos Plan Único 2019

A mesa de contratación, o 14 de maio de 2020, abriu as ofertas presentadas ás seguintes licitacións de investimentos financiados con cargo ao Plan Único 2019:

– Expte. 137/2020: “Reparación de estradas en Reguengo, Xemaré, Vilariño, Xermade, Pena da Egua, Fonxérez , Pena da Arca, etc.”

– Expte. 151/2020: “Reparación de estradas en Roupar de Abaixo, Aveás, A Veiga, As Folgueiras, Castiñeiras, Bidueiro, etc”

Unha vez se valoren os criterios subxectivos (sobre A), a mesa reunirase novamente para a apertura dos criterios obxectivos (sobre B), previsiblemente a vindeira semana.

Ambos investimentos deben estar adxudicados o 30/06/2020 e executados o 30/09/2020.

Para máis información ao respecto destas licitacións, as persoas interesadas poden consultar a Plataforma de Contratación do Sector Público, na que está aloxado o perfil do contratante do Concello de Xermade.

Reapertura da biblioteca municipal de Xermade

Tras a publicación o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, abre de novo a biblioteca municipal do Concello de Xermade.

O horario será de 15 a 21 horas, de luns a venres.

Agradecemos que as persoas usuarias que acudan á biblioteca, respecten o protocolo de actuación fronte ao COVID-19.

Fallo VI Premio Xermade na Historia

Tras a reunión levada a cabo de xeito telemático o sábado 28 de marzo, ás 12:00 horas, formando parte do xurado o alcalde do Concello de Xermade, D. Roberto García Pernas, Don José Manuel Felpeto Carballeira, presidente da Asociación veciñal de Cabreiros, e tres técnicos especialistas: Dona María Luisa Barreiro Mejuto, Dona Ana Cabana Iglesia e Don Antonio Reigosa Carreiras, o traballo “A ABOREADA DAS MÁZCARAS. Estudo histórico e antropolóxico dos Entroidos tradicionais de Xermade”, presentado baixo o pseudónimo LUPUS, con data de entrada no rexistro do concello de Xermade de 10 de febreiro de 2020, número 183; cumprindo cos requisitos recollidos nas Bases aprobadas por Decreto 0431/2019 do vintenove de xuño de dousmil dezanove, foi o seleccionado para obter o PRIMEIRO PREMIO do certame.

O seu autor, Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas e Empresariais. Escritor, documentalista e músico tradicional, traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e está vencellado ao asociacionismo e á dinámización sociocultural. En 2015, obtivo o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co seu traballo Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. Tamén foi gañador do Premio de Investigación Luís Cuadrado en 2010 co seu traballo A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo.

Presentación do libro “O Ratiño Pérez”

Presentación do libro “O Ratiño Pérez”

Sábado 30 de Novembro, ás 12 h.

Biblioteca Municipal de Xermade

Teatro na Biblioteca Municipal

Palimoquiños Teatro presenta “Borralliña” na Biblioteca Municipal o Sábado 16 de novembro ás 12 h.