¡Bo Nadal!

Nadal 2022 en Xermade

Pleno ordinario celebrado o 15 de decembro de 2022

O Pleno corporativo reuniuse en sesión ordinaria o xoves 15 de decembro de 2022, ás 20.00 horas. Aprobouse unha bonificación do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras do 95% a solicitude dunha empresa que ampliou a súa actividade coa construción dunha nave industrial para almacenamento de estruturas de madeira no polígono de Xermade, elixiuse xuíza de paz titular para os vindeiros catro anos e aceptouse a cesión de tramos antigos das estradas autonómicas:
• Estrada de titularidade autonómica que comunica a AC-170 e AC-861 na que se realizou senda peonil
• Sobrante ao carón da AC-170 próximo ao Campo de fútbol de Cabreiros
• Sobrante nas proximidades en O Empalme no nó da AG-64, a LU-861, LU-540 e LU-170
Estes espazos foron solicitados con motivo dun proxecto de actuacións para mellora da área recreativa da Acea, no río Trimaz, e construción de área de autocaravanas a carón do campo de fútbol de Cabreiros, que non resultou beneficiario das axudas de Reserva da Biosfera para os anos 2022 e 2023.
Na parte de control e fiscalización, o Partido Popular presentou unha moción para esixir a mellora da cobertura de liñas telefónicas e transmisión de datos 4G no termo municipal, que se aprobou por unanimidade. Porén, a Alcaldía xa se dirixira ás principais compañías de telecomunicacións que operan en Xermade en data 1 de decembro para esixir unha mellora das telecomunicación no concello.
Dende a Corporación municipal despediuse a sesión desexando unhas felices festas á toda a veciñanza.

Licitación do Servizo de Atención Temperá

A Xunta de Goberno Local, na sesión extraordinaria celebrada o pasado mércores 30 de novembro de 2022, aprobou por segunda vez a licitación do Servizo de Atención Temperá, compartido cos concellos de Guitiriz e Vilalba. A anterior licitación declarouse deserta ao non dispoñer ningún licitador dos medios persoais mínimos requiridos para a execución do contrato.
Consonte a Orde que regula a convocatoria das axudas de atención temperá por parte da administración autonómica, nesta nova licitación os medios mínimos requiren dun equipo de tres profesionais. Outra novidade é que agora o servizo licítase de xaneiro ao 31 de outubro de 2022, con posibilidade de prórroga ata o 31 de outubro de 2023.
O prazo de presentación de ofertas finaliza o 15 de decembro, e a mesa de contratación reunirase para a apertura do sobre A o venres 16 de decembro. O Concello de Xermade prevé ter adxudicado o servizo na segunda quincena do mes de xaneiro.
Toda a información da licitación atópase na Plataforma de Contratos do Sector Público.

III Concurso de decoracion de Nadal

O Concello de Xermade convida a toda a veciñanza a participar nun concurso de decoración de Nadal, co fin de dinamizar a participación activa da cidadanía, fomentando a súa creatividade, e incentivando a ilusión das máis pequenas e pequenos.
Aquelas persoas que queiran participar deben seguir as presentes bases do concurso:

As categorías do concurso serán:
1) Vivendas: Árbore de Nadal
2) Vivendas: Nacemento/Belén
3) Vivendas: Decoración xeral interior
4) Vivendas: Decoración exterior
a) Negocios: Decoración xeral

Na participación por vivendas, a inscrición debe facerse a nome dunha persoa empadroada en dita vivenda do concello. Unha mesma vivenda pode escoller participar nas categorías 1), 2), 3), e/ou 4), máximo a catro categorías, mínimo de unha.
Na participación por negocio, a inscrición será a nome da persoa titular do mesmo. A súa participación será exclusivamente na categoría a).

O tema do concurso será a festividade do Nadal, os motivos tradiciónais da mesma, tendo as persoas participantes plena liberdade no referente a técnicas e estilos.

Dentro dos criterios xenéricos terase en conta a creatividade, orixinalidade e vistosidade.Tamén se valorará o uso de materiais naturais e reciclados, así como a introdución na decoración de elementos representativos do Concello de Xermade.

A data de inscrición estará aberta desde a publicación destas bases ata o 21 de decembro ás 14.30.
Para facela efectiva, será necesario enviar por email (educadora.familiar@xermade.org) ou whatsapp (678 744 178):
-Categorías 1), 2), 3), e 4): nome, número de DNI e dirección postal da persoa representante (empadroada no concello) con 3 fotografías* por cada categoría á que se presenten.
-Categoría a): o nome do negocio, nome da persoa propietaria do mesmo, número de DNI, dirección postal do negocio e 3 fotografías* da decoración de Nadal que consideren.

(*As fotografías enviadas poderán ser expostas na web e redes sociais do Concello de Xermade.)

O premio por cada categoría será unha cesta valorada en 130 €, conformada por productos de alimentación e un vale para carburante.

Bases III Concurso de decoración de Nadal 2022

25 N 2022

24/11/2022 PARTIDO CONTRA AS VIOLENCIAS
16.30 horas: Pavillón Municipal de Xermade
Fútbol sala das Escolas Deportivas

25/11/2022 LECTURA DE MANIFESTO E MINUTO DE SILENCIO
10.00 horas: Diante do Concello

25/11/2022 PROXECCIÓN DA PELÍCULA “VOLAR”
17.00 horas: Casa Habanera de Roupar

26/11/2022 ANDAINA “XERMADE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO”
11.00 horas: Saída da Praza do Concello
Inscricións para a andaina: No concello ou no 982 50 10 02

Sesión extraordinaria do Pleno xermadino

O pasado xoves 10 de novembro reuniuse a Corporación xermadina en sesión extraordinaria, co gallo de aprobar a modificación número 1 da Relación de Postos de Traballo e o orzamento do exercicio 2023.
A modificación da Relación de Postos de Traball foi un compromiso adquirido co persoal durante a negociación da RPT en vigor, a finais do 2020. Desde xeito, créanse tres novos postos de administrativo (dous de administración xeral e un de administración especial para a biblioteca), e mellóranse as retribucións do persoal que se encarga dos servizos básicos (auga, sumidoiro, etc.). Por último, increméntase a xornada do posto de técnico/a de urbanismo, ata o 60% (actualmente era do 48%).
O proxecto de orzamento de 2023 contempla este incremento retributivo no Capítulo 1, ademais de dar cobertura aos servizos básicos que se están prestando e os de nova creación. Entre os primeiros cabe destacar o Servizo de Axuda no Fogar, que na actualidade conta con 125 usuarios e un gasto de 744.886,40 euros destinado á adxudicataria do servizo, sen contar os medios persoais municipais (persoal dos servizos sociais). Entre os servizos de nova creación está a Atención Temperá, que comezou en xullo de 2021 mediante a agrupación cos concellos de Vilalba e Guitiriz e ten como destinatarios ás crianzas de 0 a 6 anos. O presuposto de licitación deste servizo é de 179.600,00 euros do 1 de novembro de 2022 ao 31 de outubro de 2023, dos cales se agarda obter de novo axudas por parte da Xunta de Galicia.
No capítulo 7 prevese a achega municipal (53.492,80 euros) para a construción da depuradora do Campo da Feira, en Momán, que executará a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Actualmente o Concello de Xermade está en proceso de adquisición das parcelas necesarias para ubicar a depuradora.
O orzamento ascende a un total de 1.952.656,95 euros, cun incremento de 58.088,18 euros respecto ao 2022.

Escolas culturais e deportivas para persoas adultas. Curso 2022-2023

No mes de novembro darán comezo as distintas actividades culturais propostas para o curso 2022-2023 por parte do Concello de Xermade, que rematarán no mes de maio de 2023. As actividades propostas serán:

• Manualidades:

o Cazás (Escola A Casavella): Venres de 20.30 a 22.30. Do 4 de novembro ó 26 de maio.
o Miraz (Casa Escola): Venres de 16.30 a 18.30. Do 4 de novembro ó 26 de maio.
o Roupar (O Campo): Sábados de 16.30 a 18.30. Do 5 de novembro ó 27 de maio.

• Costura:

o Roupar (A Criba). Segundo e cuarto venres do mes, de 17.30 a 20.30. Do 11 de novembro ata 26 de maio.
• Zumba:
o Xermade (Pavillón): Luns de 19.30 a 20.30. Comeza o 3 de novembro. Remata o 26 de maio.

• Pilates:

o Momán (Casa escola): Luns de 18.00 a 19.00. Comeza o 3 de novembro. Remata o 26 de maio.

• Teatro:

o Roupar (Casa Habanera): Mércores 17.30-19.30. Comeza o 2 de novembro. Remata o 31 de maio.

• Xermade camiña:

o Xermade (saída diante do Concello): Martes 11.00-12.00. Comeza o 8 de novembro. Remata o 30 de maio.

Inscricións presenciais no Concello ata o 27 de outubro.

Bases das actividades culturais e deportivas 2022-23 (Adultos)

XI CARREIRA POPULAR DE XERMADE

O Concello de Xermade organiza a XI Carreira Popular de Xermade. A proba organizaráse o Sábado 8 de Outubro de 2022 ás 17:15 horas, con saída e meta na Praza do Concello.

A proba estará aberta a todolos atletas, federados ou non, sin distinción de sexo ou nacionalidade. Cada atleta participa baixo a sua responsabilidade e dispón de unha condición física suficiente para rematar a proba.
O circuito será sobre asfalto e estará pechado a todos os vehículos agás os autorizados pola organización. O percorrido estará controlado por vehículos da organización.

A inscrición faráse exclusivamente a través da páxina da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com

• A inscrición na carreira de menores será GRATUÍTA
• A inscrición na proba de adultos terá un custe de 5€.

O prazo de inscrición pecharase o martes 4 de outubro as 23:59h

Todos os participantes na proba absoluta recibirán un agasallo conmemorativo.
Na categoría dende Pitufos ata Infantil os participantes recibirán unha medalla conmemorativa.
Non se farán clasificacións nas carreiras de Pitufos e Promoción.
Nas categorías Alevín ata Máster-C: trofeo para os tres primeiros de cada categoria e sexo.
A entrega de premios será na Praza do Concello de Xermade e comezará, aproximadamente, ás 18:50h. (no caso de que o tempo non o permita será dende o pabellón polideportivo)

Os participantes gozarán dos seguintes servizos antes, durante e despois da carreira.
1. Agasallo conmemorativo para todos os participantes na carreira de adultos.
2. Aperitivos despois da carreira de adultos.
3. Baños na zona de saída-meta.
4. Recollida de dorsais e imperdíbeis.
5. Vestiarios e duchas no pavillón municipal.
6. Roupeiro, os participantes poderán deixar no local de recollida dos dorsais a roupa, que será custodiada por voluntarios da organización
7. Avituallamento ao final de cada carreira para todos os participantes.
8. Ambulancia (todos os accidentes acontecidos deberán ser previamente informados ao organizador da proba e o traslado do ferido, se fose necesario, será para os centros sanitarios que teñan convenio ca compañía de seguros que corresponda).

Todos os participantes estarán amparados por unha póliza de Responsabilidade Civil e accidentes deportivos, que cubrirá os accidentes que se produzan como consecuencia directa do desenvolvemento da proba.
Quedan excluídos os casos derivados dun padecemento latente, imprudencia ou inobservancia das leis, da normativa da competición, etc. Tamén quedan excluídos os casos producidos polo desprazamento ao lugar da competición ou desde o mesmo.

Regulamento Carreira Xermade XI Edición 2022

¡Moito que limpar!

Dende que Caxoto Díaz Valle comezou a contar contos alá polo 2005, a educación en valores en xeral e a igualdade de xénero en concreto, foi sempre un eixe transversal na elección do seu repertorio.
Ese repertorio foi medrando e hoxe en día Caxoto conta cun amplo abano de historias e reflexións arredor da igualdade entre homes e mulleres: Os estereotipos, a coeducación, os tipos de violencia, a diversidade sexual…
O próximo mércores teremos na Biblioteca Municipal de Xermade o espectáculo “¡ Moito que limpar !”, onde abordaremos estas temáticas dende o diálogo co público, a reflexión colectiva, o respecto polas opinións, …