Licitacións de subministracións e obras en curso no Concello de Xermade

A mesa de contratación permanente nomeada pola Alcaldía para as licitacións da súa competencia reuniuse o 9 de agosto para a apertura das ofertas presentadas ás licitacións para a adquisición dunha miniexcavadora (financiada co Fondo de Compensación Ambiental 2023, liña de concorrencia non competitiva) e subministración de contadores de telelectura (financiada con cargo ao fondo adicional do FCL da Xunta de Galicia).

Revisada a documentación polos técnicos competentes, a mesa reuniuse de novo o 18 de agosto e acordou declarar deserta a licitación para a adquisición dunha miniexcavadora, dado que ningunha das dúas ofertas admitidas cumprían os requisitos mínimos esixidos no prego; e requirir a documentación á empresa APEX, única que cumpría os requisitos técnicos esixidos na licitación dos contadores de telelectura, a fin de que o órgano de contratación lle adxudique o contrato, que debe estar executado o 31 de outubro de 2023.

A mesa tamén se reuniu o 18 de agosto de 2023  a fin de declarar completa a documentación presentada por Jardinería Arce SL, licitador que resultou a mellora oferta presentada á licitación do contrato mixto de subministración e obras “Reformado área de xogos infantís en Roupar” (Plan Único 2022). Acto seguido, a Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria, adxudicou ese contrato, que debe estar executado o 31 de outubro de 2023.

O 21 de agosto de 2023 a mesa de contratación procedeu á apertura das ofertas presentadas á obra “Mellora de camiños municipais en Cabreiros, A Poupariña e A Cruz Vella”, incluida no Plan de mellora de camiños municipais 2023-2024 de Agader. Tres ofertas incorreron en baixa temeraria, polo que se avaliará a documentación que presenten a fin de aceptar ou rexeitar estas proposicións.

O 22 de agosto de 2023 abríronse as ofertas presentadas ás “Obras de mellora do pavillón e pista deportiva de Xermade”, financiada cunha axuda da Xunta de Galicia. A mellor oferta foi a presentada pola empresa vilalbesa Cholo SL, polo que se prevé adxudicar esta semana o contrato, dado que a anualidade 2023 desta obra debe estar executada o 31 de outubro de 2023.

Actividades do Programa DinamizartJ esta semana

Aquí vos deixamos as propostas para esta semana en distintas ubicacións do noso concello.

Estas actividades son postas en marcha co apoio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN) a través do programa DinamizartJ, co que se pretende xerar unha oferta cultural ampla nos municipios afectados polo proceso de peche de instalacións en zonas de Transición Xusta.

#transiciónjusta #CIUDEN #dinamizartj#Xermade


Alegacións ao parque eólico Santuario

O xoves 22 de xuño publicouse no BOP de Lugo o anuncio do Proxecto Modificado Abril 2023 da instalación do “Parque Eólico Santuario”, parte do cal se ubica no termo municipal do Concello de Xermade. O trámite de exposición pública rematou o venres 4 de agosto de 2023.

A oficina técnica estivo a disposición da veciñanza durante este trámite para a consulta da documentación e a presentación de alegacións.

O Concello de Xermade formulou alegacións no trámite de exposición pública, mediante a remisión dun informe técnico emitido o 2 de agosto de 2023 pola técnica municipal de urbanismo, medio ambiente e obras, que pode consultarse aquí: 20230802_Informe_Informe técnico_2021_440_Informe técnico mod

Programa Dinamiz-ARTj en agosto en Xermade

Resumo das actividades que durante o mes de agosto traerá a Xermade o Programa Dinamiz-ARTj.

Co apoio do Instituto para la Transición Justa (ITJ) e a Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN)
#transiciónjusta #CIUDEN #dinamizartj #Xermade

Remata a obra de construción dun depósito de reserva antiincendios en Xermade

O Concello de Xermade recepcionou a obra “Construción dun depósito de reserva antiincendios en Xermade” o pasado 7 de xullo de 2023. O investimento foi financiado con cargo ao Plan Único 2022, por importe de 21.348,37 euros, e executado pola empresa Cholo SL.

O pleno reuniuse en sesión ordinaria o xoves 20 de xullo de 2023

O Pleno da Corporación celebrou o xoves 20 de xullo de 2023 a primeira sesión ordinaria do novo mandato. Entre os asuntos que se trataron na parte resolutiva está a aprobación da conta xeral do exercicio 2022, ou os festivos locais para o ano 2024 (repiten o martes de Entroido e luns de Santa María, o 5 de agosto).

Destaca a declaración de caducidade do inventario que camiños, que fora aprobado inicialmente en abril de 2018 pero dado o número de alegacións presentadas pola veciñanza (motivadas polos erros do documento elaborado pola empresa adxudicataria, Xíster SL), non chegou a ser aprobado definitivamente. O goberno municipal tamén levou a este pleno unha modificación orzamentaria mediante suplemento de crédito, a fin de contratar a elaboración dun inventario de camiños que poda ser aprobado definitivamente.

Outro asunto importante foi a aprobación provisional da modificación da ordenanza fiscal número 2, reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, a efectos de introducir dúas bonificacións potestativas, de xeito que o artigo 6 quedaría redactado do seguinte xeito:

Artigo 6º. Bonificacións  e deducións.

6.1.- Establécese unha bonificación do 50% da cota  do imposto  a favor das  construcións, instalacións ou obras  que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento  do emprego  que xustifiquen  tal declaración. Corresponderá dita declaración ó Pleno da Corporación e acordarase,  previa solicitude do suxeito  pasivo,  por voto favorable  da maioría simple  dos  seus membros.

6.2.- Establecese unha   bonificación   do 95% da cota  do imposto  a favor das  construcións, instalacións ou obras que  se instalen no Polígono Industrial  de Xermade. A declaración de interese ou utilidade  municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do interesado, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros. Coa solicitude deberá achegarse unha  memoria  da construción a realizar e memoria  da iniciativa empresarial proxectada pormenorizando aqueles aspectos relacionados coa creación  de novos postos de traballo.

6.3.- Establécese unha  bonificación do 95% da cota  do imposto  a favor das  construcións, instalacións, ou obras  realizadas por agricultores ou gandeiros que queden afectas a dita actividade. A declaración de interese ou utilidade  municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude dos  interesados, polo voto favorable  da maioría  simple  dos  seus membros. Coa solicitude deberá achegarse a acreditación da condición de agricultor ou gandeiro, así como da afección da obra ou instalación á realización de dita actividade.

6.4.- Establécese  unha bonificación do 50% da cota do imposto, por concorrer circunstancias de carácter cultural e histórico, a favor das obras de rehabilitación de vivendas e edificacións tradicionais ou de singular valor arquitectónico, que supoñan a recuperación do uso residencial das mesmas, sempre e cando  alomenos o 30% do orzamento de execución material das obras sexa realizada por empresas con domicilio fiscal en Xermade cunha antigüidade superior a dous anos, e alomenos o/a promotor/a se empadroe no municipio un mínimo de dous anos dende o remate das obras (agás que xa estivese empadroado).

Considerase edificacións tradicionais aquelas que cumpran dúas condicións (art. 33 Decreto 143/2016, polo que se aproba o regulamento da Lei do Solo de Galicia):

a) Que sexan identificables nas fotografías aéreas do «voo americano» do ano 1956.

b) Que teñan unha estrutura recoñecible como tradicional da arquitectura popular de Galicia.

Coa solicitude da bonificación achegarase unha copia do proxecto de obras obxecto da licenza urbanística solicitada, xunto cunha declaración responsable do cumprimento dos requisitos para obter a bonificación, así como o compromiso de presentar o certificado final das obras e as facturas polo custe total das obras ao seu remate.

A declaración de interese ou utilidade municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude dos interesados, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.

6.5.- Establécese unha bonificación do 95% da cota  do imposto a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

O suxeito pasivo deberá aportar, xunto coa solicitude da licencia, o proxecto técnico visado polo Colexio Oficial correspondente, acreditativo da incorporación á construción, instalación ou obra de instalacións de enerxía solar térmica ou de enerxía solar fotovoltaica para autoconsumo, así como da homologación dos colectores empregados para a produción de calor.

6.6.- Establécese unha bonificación do 90% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións e obras que, en edificacións e instalacións xa existentes, favorezan as condicións de acceso e habitabilidade das persoas con discapacidade.”

Tamén se modifica o tipo impositivo, que actualmente é dun 2 por cento. A proposta inicial da Alcaldía era establecer un tipo progresivo, mantendo o 2 por cento para obras cun orzamento de execución material de ata 600.000 euros, e un 3 por cento para orzamentos superiores a 600.000 euros, pero esta proposta informouse desfavorablemente pola secretaria-interventora, en base a unha consulta vinculante emitida pola Dirección Xeral de Tributos no ano 2014. Por ese motivo a proposta de Alcaldía inclúe un tipo único do 3 por cento, a fin de aumentar os ingresos previstos pola instalación do parque eólico Santuario, actualmente en tramitación.

Formación para coidadores de persoas en situación de dependencia

Imparte: AFALU (Asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias neurodexenerativas de Lugo)

-Mércores 19 de xullo
-Casa Escola de Cabreiros (Xermade)
-16.00 – 21.00 horas

-Inscrición: 607 84 33 84

Trámite de información pública do proxecto modificado do parque eólico Santuario

•INFORMACIÓN PÚBLICA•

O xoves 22 de xuño publicouse no BOP de Lugo o anuncio do Proxecto Modificado Abril 2023 da instalación do “Parque Eólico Santuario” e que unha parte se sitúa no termo municipal do Concello de Xermade.

Ábrese un prazo para presentar as alegacións e os informes que se consideren oportunos, sendo o último día o 4 de agosto de 2023 (incluído).

Quen o desexe pode consultar a documentación do proxecto en persoa nas dependencias do Concello de Xermade en horario de 09:00 a 14:00 de luns a venres.

https://www.deputacionlugo.gal/es/boletin-oficial-da-provincia-de-lugo/bop

Contratación de persoal financiado polo convenio de prevención de incendios

O Concello de Xermade aprobou o 26 de maio de 2023 o borrador do convenio de prevención de incendios forestais remitido pola Consellería de Medio Rural.

As bases para a formación dunha bolsa de emprego para contratar a peóns especializados en traballos forestais foron aprobadas pola Alcaldía o 1 de xuño de 2023 e publicadas na sede electrónica municipal. O prazo de presentación de instancias, de dez días naturais, finalizou o 12 de xuño de 2023.

O proceso selectivo realizouse o 16 de xuño de 2023 na nave municipal sita no parque empresarial. Dos cinco candidatos admitidos, acudiron realizar as probas catro, superando a totalidade as probas realizadas.

Con cargo ao citado convenio contratouse o 26 de xuño de 2023 a tres peóns especializados en traballos forestais, para realizar tratamentos preventivos de xeito mecanizado, por un prazo de tres meses. O período de operatividade fixado polo convenio remata o 30 de setembro de 2023.

O Concello de Xermade ten planificada a limpeza e desbroce de pistas municipais nas dez parroquias do municipio nestes tres meses de verán.

Organización da nova Corporación municipal

Constituida a nova Corporación o 17 de xuño, o luns 19 a Alcaldía ditaba as resolucións de nomeamento de tenentes de alcalde e delegación de áreas nos concelleiros e concelleiras que forman o goberno local:

Primeiro Tenente de Alcalde: D. José Prieto Barro.

Segundo Tenente de Alcalde: D. Carlos Alberto Guerra González.

Terceira Tenente de Alcalde: Dª. Verónica Amarelo Morado.

Aos tenentes de alcalde, en canto tales, corresponderalles substituír ao alcalde na totalidade das súas funcións e pola orde de nomeamento, nos casos de ausencia, enfermidade ou impedimento que lle imposibilite para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións de alcalde nos supostos de vacante na Alcaldía ata que tome posesión o novo Alcalde.

Polo que respecta ás delegacións de áreas, quedan do seguinte xeito:

– D. José Prieto Barro (1º tenente de alcalde): Medio rural, Emprego, Medio ambiente e Servizos.

– D. Carlos Alberto Guerra González (2º tenente de alcalde): Economía e Facenda, Turismo, Sanidade e Protección Civil.

– Dª. Verónica Amarelo Morado (3º tenente de alcalde): Educación, Cultura, Deportes e Xuventude.

– Dª. Nélida Coira Pena: Benestar social, Igualdade e Participación Cidadá.

A delegación inclúe as facultades de dirección interna e xestión dos servicios, non incluíndo a facultade de resolver ningún expediente.

Os restantes acordos relativos á organización municipal serán elevados ao Pleno, que se reunirá o luns 26 de xuño ás 14.30 horas, para tratar os seguintes asuntos:

ORDE DO DÍA:

A) Sección resolutiva

1º. Sorteo de membros das mesas electorais das eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado que se celebrarán o 23 de xullo de 2023.

2º. Periodicidade das sesión do pleno.

3º. Creación e composición da Comisión Especial de Contas.

4º. Nomeamento de representantes da Corporación en órganos colexiados externos de competencia plenaria.

5º. Retribucións e asistencias dos cargos electos.

6º. Creación da xunta de goberno local e delegación de competencias plenarias.

7º. Creación da Comisión de Voceiros.

B) Sección de control

8º. Dación de conta da composición dos grupos políticos municipais.

9º. Dación de conta da resolución da Alcaldía en materia de nomeamentos de tenentes de alcalde.

10º. Dación de conta da resolución da Alcaldía en materia de delegacións conferidas.

A Alcaldía propón que as sesións ordinarias do pleno sexan cada dous meses, o segundo xoves dos meses impares, polo que o primeiro Pleno ordinario terá lugar o xoves 13 de xullo de 2023, ás 20.00 horas. Tamén se propón a creación da Xunta de Goberno Local, que estará formada polos tres tenentes de alcalde, baixo a presidencia do alcalde, e reunirase o primeiro e terceiro mércores de mes, ás 14.30 horas.

O réxime de dedicacións proposto é dunha dedicación parcial de 30 horas semanais para a Alcaldía (de 22.215,60 euros brutos en 12 pagas) e unha segunda dedicación parcial de 26 horas semanais para o primeiro tenente de alcalde (16.373,76 euros). As indemnizacións por asistencias a plenos son de 60 euros, para a Xunta de Goberno Local 100 euros e para comisións informativas e resto de órganos colexiados de 40 euros.

Darase conta da constitución dos grupos políticos municipais: o grupo municipal do Partido Popular, formado por 4 concelleiros, cuxo portavoz será Antonio Riveira, e o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Xermade, formado por 5 concelleiros, cuxo portavoz será Carlos Alberto Guerra González.