Recollida de tres reses mostrencas na parroquia de Momán

O pasado 9 de abril de 2020 persoal municipal recolleu tres equinos de propietario/a descoñecido/a na parroquia de Momán.

Dende aquela data os animais atópanse na parroquia de Cabreiros, ao coidado de Fernando Bello Pita, na súa condición de depositario.

Consonte a normativa aplicable (artigo 86.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; e artigo 28 do Decreto 142/2012, do 14 de xuño, que regula o destino dos bens mostrencos), ábrese un período de información pública de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte á publicación deste anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP nº 110 do 15 de maio), para que as persoas propietarias as reclamen.

No caso de que ninguén as reclame, o Concello procederá consonte ao artigo 28.1 do Decreto 142/2012.

Apertura ofertas licitacións investimentos Plan Único 2019

A mesa de contratación, o 14 de maio de 2020, abriu as ofertas presentadas ás seguintes licitacións de investimentos financiados con cargo ao Plan Único 2019:

– Expte. 137/2020: “Reparación de estradas en Reguengo, Xemaré, Vilariño, Xermade, Pena da Egua, Fonxérez , Pena da Arca, etc.”

– Expte. 151/2020: “Reparación de estradas en Roupar de Abaixo, Aveás, A Veiga, As Folgueiras, Castiñeiras, Bidueiro, etc”

Unha vez se valoren os criterios subxectivos (sobre A), a mesa reunirase novamente para a apertura dos criterios obxectivos (sobre B), previsiblemente a vindeira semana.

Ambos investimentos deben estar adxudicados o 30/06/2020 e executados o 30/09/2020.

Para máis información ao respecto destas licitacións, as persoas interesadas poden consultar a Plataforma de Contratación do Sector Público, na que está aloxado o perfil do contratante do Concello de Xermade.

Reapertura da biblioteca municipal de Xermade

Tras a publicación o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, abre de novo a biblioteca municipal do Concello de Xermade.

O horario será de 15 a 21 horas, de luns a venres.

Agradecemos que as persoas usuarias que acudan á biblioteca, respecten o protocolo de actuación fronte ao COVID-19.

Fallo VI Premio Xermade na Historia

Tras a reunión levada a cabo de xeito telemático o sábado 28 de marzo, ás 12:00 horas, formando parte do xurado o alcalde do Concello de Xermade, D. Roberto García Pernas, Don José Manuel Felpeto Carballeira, presidente da Asociación veciñal de Cabreiros, e tres técnicos especialistas: Dona María Luisa Barreiro Mejuto, Dona Ana Cabana Iglesia e Don Antonio Reigosa Carreiras, o traballo “A ABOREADA DAS MÁZCARAS. Estudo histórico e antropolóxico dos Entroidos tradicionais de Xermade”, presentado baixo o pseudónimo LUPUS, con data de entrada no rexistro do concello de Xermade de 10 de febreiro de 2020, número 183; cumprindo cos requisitos recollidos nas Bases aprobadas por Decreto 0431/2019 do vintenove de xuño de dousmil dezanove, foi o seleccionado para obter o PRIMEIRO PREMIO do certame.

O seu autor, Rafael Quintía Pereira (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas e Empresariais. Escritor, documentalista e músico tradicional, traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e está vencellado ao asociacionismo e á dinámización sociocultural. En 2015, obtivo o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co seu traballo Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. Tamén foi gañador do Premio de Investigación Luís Cuadrado en 2010 co seu traballo A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo.

ENTROIDO EN XERMADE

O concurso de disfraces Entroido Xermade 2020 celebrarase o luns día 24 de febreiro, ás 21:30 horas no Pavillón Polideportivo de Xermade.

VER AS BASES [+]

Subvenciona: Deputación de Lugo

Convenio de colaboración para a impresión do segundo libro do Premio de Investigación Xermade na Historia

“O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, asinaron este martes un convenio de colaboración para a impresión do segundo libro do Premio de Investigación Xermade na Historia.

A institución provincial achega 6.000 euros para a edición desta publicación, que recollerá os últimos traballos de investigación galardoados con este premio e que poñen en valor as tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura e outros aspectos que conforman a historia do municipio.”

Presentación do libro “O Ratiño Pérez”

Presentación do libro “O Ratiño Pérez”

Sábado 30 de Novembro, ás 12 h.

Biblioteca Municipal de Xermade

Teatro na Biblioteca Municipal

Palimoquiños Teatro presenta “Borralliña” na Biblioteca Municipal o Sábado 16 de novembro ás 12 h.