Licitacións de obras e axudas aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 12 de maio de 2021

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade reuniuse en sesión ordinaria o pasado mércores 12 de maio. Entre os asuntos que se trataron, cabe destacar a licitación do proxecto “Mellora de camiños en Sanche, Piñeiro e O Tarrelo”, financiado con cargo ao Plan de Mellora de Camiños 2021-2022 de Agader, por importe de 69,515,71 euros (IVE incluido); e de dous investimentos financiados con cargo ao Plan Único 2021: “Reparación de estradas en Picoucelo, Vilacide, O Rego, Nova, Gandia, A Pinguela, etc.”, por importe de 105.382,00 euros (a achega municipal ascende a 15.325, 20 euros); e “Reparación de estradas en Momán, Bidueiro, Pena de Arca, etc.”, por importe de 80.965,64 euros.

Tamén se aprobaron as bases e a convocatoria das axudas a familias para nacementos, adopcións e acollementos, de 900 euros por familia, ata o crédito máximo de 7.200,00 euros.

Douse conta da concesión dunha axuda convocada por Resolución do 18 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Formación Profesional, pola que se conceden axudas a entidades locais territoriais e entidades públicas dependentes das entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e da comunicación a través de Aula Mentor, recibida o 30/04/2021 (rexistro nº 2021-E-RC-706), pola que Xermade resulta beneficiaria por importe de 4.000,00 euros.

Por último, úxose en coñecemento da Xunta de Goberno Local a inadmisión por parte da Consellería de Medio Ambiente da solicitude de axuda para ampliación de beirarrúas en Roupar, ao abeiro da Orde do 5 de marzo de 2021 (publicada no DOG o 8 de marzo), por esgotamento do crédito. Segundo publicou a Consellería no DOG o 28 de abril, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito entrou ás 00.09.43 horas do 9 de marzo.

Fallo do certame Letras Galegas 2021 da Biblioteca municipal de Xermade

O resultado do fallo local do Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2021”. Presentáronse 23 traballos sobre o tema proposto “O dereito das nenas e nenos a participar na vida cultural“. Os premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame convocado pola Biblioteca Pública de Lugo.

 

Letras Galegas 2021

 

#LetrasGalegas2021  #XelaArias #17demaio #XermadeLetrasGalegas21

Adxudicada a subvención destinada á prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá para o ano 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, publicou no DOG do 26 de abril de 2021 a concesión dunha axuda máxima de 34.236,61 euros para a implementación de novas unidades destinadas a servizos de atención temperá nos concellos de Xermade, Guitiriz e Vilalba.

A posta en marcha das unidades levarase a cabo por un equipo interdisciplinar, formado por profesionais de distintas disciplinas (fisioterapia, terapia ocupacional e logopeda) que elaborará un plan personalizado de intervención no que delimitarán os obxectivos e expectativas da intervención (atención, recursos e medios necesarios que se dirixen ao menor, á súa familia e ao seu contorno, ámbito de realización, liñas de actuación que se van desenvolver por cada profesional, coordinacións previstas con outras persoas e/ou profesionais que poidan intervir no plan) para dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento ou en risco de padecelos, así como o facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Adxudicadas as obras do Plan Único 2020

A Xunta de Goberno Local adxudicou a obra “Mellora de firme en Buscalte, Roupar, Bidueiral, Souto, Aguillón, Pena, Cerveira, Sanche, Leboré, Folgueiras e Seixido na sesión ordinaria celebrada o pasado 28 de abril de 2021. A empresa adxudicataria é Cholo SL, que realizou unha oferta económica de 72.519,05 euros e unha ampliación do prazo de garantía de 2 anos.

A baixa obtida nesta licitación ascende a 18.791,77 euros e será destinada á mellora dun camiño en Miraz.

O resto dos investimentos foron adxudicados pola Alcaldía, ao tratarse de contratos menores:

  • Mellora de equipamentos: local municipal en Momán, adxudicado a TYC Canosa SL por importe de 10.208,03 euros
  • Reposición de luminarias en Lousada, Burgás e Cazás e ampliación de alumeado público en Lousada, adxudicada a MONCHO Y SANTOMÉ SL (CIF B27279645), por importe de 20.674,79 euros e as melloras ofertadas
  • Mellora de equipamentos: parcela anexa a polideportivo en Xermade, adxudicada a Francisco Gómez y Cía SL por importe de 30.822,77 euros
  • Mellora de beirarrúas en Momán, adxudicada a Cholo SL por importe de 23.708,64 euros
  • Novos nichos en Roupar, adxudicada a TYC Canosa SL por importe de 12.130,71 euros
  • Reforma puntual da antiga escola de Cazás-A Casavella, adxudicada a José Ramón Carracedo Rouco en 19.945,23 euros
  • Zona de xogos infantís en Xermade, adxudicada a Instalaciones Bahía Park SL en 10.035,45 euros

Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2021”

Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2021”, en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo.

Este ano o certame leva por tema o seguinte: “O dereito das nenas e nenos a participar na vida cultural“; e vai dirixido a nenas e nenos de 0 a 16 anos establecéndose 3 categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos; e C, de 12 a 16 anos.

 O prazo de presentación dos traballos rematará o 7 de maio debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal.

 Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

 

Licitación de mellora de camiños e adquisición dun camión contraincendios

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade aprobou o pasado 10 de marzo de 2021 o expediente de contratación da obra “Mellora de firme en Buscalte, Roupar, Bidueiral, Souto, Aguillón, Pena, Cerveira, Sanche, Leboré, Folgueiras e Seixo”, cun orzamento de 91.310,81 euros (IVE incluido) financiados con cargo ao Plan Único 2020. O prazo de presentación de ofertas remata o 1 de abril ás 23.59 horas, e a apertura terá lugar o luns 5 de abril ás 10.00 horas.

Por outra banda, na sesión ordinaria celebrada o 24 de marzo de 2021, a Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación para a subministración dun vehículo tipo autobomba rural pesada (BRP) destinado a actuar en situacións de emerxencia (incendios, seca, etc.), por importe de 72.600 euros (IVE incluido), dos cales a Deputación de Lugo achega 60.000 euros a través dun convenio asinado o 30 de decembro de 2020, e os 12.600 euros restantes son achegados polo Concello de Xermade. O prazo de presentación de ofertas remata o 19 de abril, e a apertura terá lugar o día 20 de abril ás 10.00 horas.

 

Fallo do xurado do concurso “MuXer: Muller de Xermade”

Parabéns ás persoas premiadas e GRAZAS a todas as persoas participantes por axudarnos a facer esta pequena homenxe á muller xemadesa.

Acta xurado MuXer

Solicitude dun Punto de Atención Temperá para os concellos de Xermade, Vilalba e Guitiriz

O Concello de Xermade agrupouse con Guitiriz e Vilalba para a solicitude conxunta dun Punto de Atención Temperá, ao abeiro da Orde do 11 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá publicada no DOG de 26 de xaneiro 2021.

Trátase dun servizo dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna, co obxectivo de dar resposta o máis axiña posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten as crianzas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Solicítanse 1.760 horas anuais para un equipo multidisciplinar formado por logopeda, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, que prestarán os seus servizos nos tres municipios, no caso de que a subvención sexa concedida. Deste xeito, as crianzas e as súas familias poden recibir esta asistencia nos seus municipios de residencia, sen necesidade de desprazarse á capital lucense.

8 de marzo de 2021

Este 8 de marzo, dada a situación sanitaria actual, no Concello de Xermade organizamos a actividade “Enraizando igualdade”.

Debido á pandemia, houbo un gran retoceso en igualdade, xa que pese a que as mulleres estiveron en primeira liña como coidadoras e sanitarias, foron as máis castigadas pola crise económica, xa que ocupan os sectores máis golpeados, como a hostalería ou o comercio. Tamén quedaron sen traballo empregadas do fogar, o que levou a un aumento da feminización da pobreza. No confinamento nos fogares, as nais levaron a sobrecarga do coidado dos fillos, renunciando ó seu emprego ou reducindo horarios e salarios. Viuse tamén un preocupante aumento das chamadas ó 016 e de denuncias por violencia de xénero.

Todo esto mostra que debemos seguir loitando e reivindicando os dereitos das mulleres.

Con esta actividade simbólica, na que prodecemos a colocar varias plantas moradas no colexio e a carón da biblioteca, pretendemos visibilizar a importancia do cultivo da igualdade en contra da discriminación que sufren as mulleres en diversos eidos, recordando tamén coas fotos do concurso de fotografía a nais e avoas que fixeron tanto por nós, sen olvidar o compromiso de que no futuro queda aínda moito por facer.