O Pleno celebrou sesión ordinaria o pasado xoves 9 de xuño

O Pleno xermadino reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 9 de xuño, ás 20:00 horas. Entre os asuntos que se trataron na parte resolutiva destaca a solicitude á Xunta de Galicia de aprobación da delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago, tamén chamado “Camiño Real”, recollendo a petición do denominado “Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba-Betanzos)”.
Por outra banda, tamén se aprobou o Plan de Medidas Antifraude, que vai permitir ao Concello de Xermade garantir que os fondos correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que vai xestionar e executar se empreguen de conformidade coas normas aplicable á prevención, á detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses. Será a Secretaría-Intervención municipal o órgano encargado da implantación e control deste plan.
Na parte de fiscalización e control, douse conta dos envíos realizados á Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais, entre o que destaca o Período Medio de Pago do primeiro trimestre: 13,75 días.
Tamén se dou conta do informe-resumo dos resultados do control interno no exercicio 2021, e do Plan Anual de Control Financeiro do exercicio 2022, así como das resolucións da Alcaldía contrarias aos reparos efectuados pola Intervención no exercicio 2021.
O Pleno reunirase novamente en sesión ordinaria o segundo xoves do mes de agosto.

O Concello de Xermade solicita axudas para crear un Centro Internacional da Torneiría na Reitoral de Xermade

A Xunta de Goberno Local acordou, o 8 de xuño de 2022, solicitar unha axuda por importe de 373.196,48 euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao abeiro da Orde TMA/178/2022, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O anteproxecto foi redactado pola doutora en arquitectura Luz Paz Agras e a arquitecta contratada pola Universidade da Coruña Marta Marcos Maroño, en base ao convenio de colaboración coa UDC aprobado pola Xunta de Goberno Local na mesma sesión, que ten por obxecto impulsar a rehabilitación das reitorais de Xermade e Roupar.
A rehabilitación da Reitoral de Xermade permitirá destinar este inmoble a un uso público de carácter cultural, cun espazo adicado a exposición permanente da torneiría, oficio tradicional de grande importancia no municipio, que celebra un encontro internacional no mes de setembro cada ano.
Porén, o convenio asinado coa UDC abrangue tamén a solicitude de axudas para a posta en marcha do proxecto “Casa da Veciñanza de Roupar”, o que permitirá a rehabilitación da Reitoral de San Pedro Fiz e a súa ampliación para uso asistencial, partindo do prototipo de equipamento dotacional para maiores no rural galego realizado por unha equipa multidisciplinar de docentes da UDC para a Deputación de Lugo en outubro do ano 2021.

Fallo do xurado do VIII Premio de Investigación “XERMADE NA HISTORIA”

O día 23 de maio de 2022 reúnese o xurado do VIII Premio de investigación “Xermade na Historia” na Alcaldía do Concello de Xermade.

O xurado está composto polas seguintes persoas:

-Presidente: Don Roberto García Pernas, alcalde do Concello de Xermade, con dereito a voz e voto.

-Vogais, con dereito a voz e voto:

o 1º vogal: Don José Manuel Felpeto Carballeira, Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros.
o 2º vogal: Don Pablo Cancelo López, profesor titular do departamento de inglés da Universidade da Coruña.
o 3º vogal: Dona Lela Castelo Santaballa, profesora de lingua galega no ensino secundario (IES Moncho Valcarce de As Pontes)
o 4º vogal: Dona María Luisa Barreiro Mejuto, presidenta do Instituto de Estudos Chairegos

-Secretaria: Dona Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello de Xermade, para recoller testemuño e acta do fallo do xurado.

Rematadas as valoracións, o xurado manifesta a súa decisión de conceder o primeiro premio ao traballo:
– “Cruces e cruceiros do Camiño Real da Carba”, presentado baixo pseudónimo: PENITENCIA.
Autora: Dona Alberta Lorenzo Aspres, Doutora en Arquitectura pola Universidade de A Coruña.

Así mesmo, consideran merecedor do segundo premio o traballo:
– “A morte no Concello de Xermade”, presentado baixo o pseudónimo: THERION.
Autor: Don Xabier Moure Salgado, Funcionario da Xunta de Galicia, Licenciado en Xeografía e Historia.

De conformidade coas bases de execución do presuposto do concello de Xermade do ano 2022, o premio a conceder é de dous mil euros (2.000 €) para o Primeiro premio, e mil euros (1.000 €) para o Segundo premio.

Os premios serán entregados o próximo 28 de maio ás 11.30 na Casa-escola de Cabreiros, dentro da programación das XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais.

Haberá tamén unha presentación dos traballos por parte das persoas gañadoras.

XVIII Xornadas Interxeracionais Rurais APRENDENDO COS NOSOS MAIORES (Cabreiros, Xermade)

Tras dous anos de forzoso parón e restriccións, imos a pola nosa “maioría de idade” coa mesma esencia de sempre, pero con máis ansias aínda se é posible, pois retomamos o formato orixinal das xornadas.

Nesta edición número 18 queremos seguir aprendendo e compartindo en comunidade, falando do agro, de medicina, de emprendemento, do rural… de Cabreiros, de Xermade, disfrutar da música… e máis aínda da compañía, xa que a parte ensencial de todo isto é o público e queremos seguir contando con todos e todas vós, ¡temos máis gañas de xuntarnos que nunca e vernos as caras!

¡Non podedes faltar a esta tradicional cita coas Xornadas, agardámosvos!

Programación:

Premios Certame “Letras Galegas 2022”

Na Biblioteca Pública Municipal de Xermade celebrouse o fallo do Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2022”, o día 11 de maio ás 16:00 h.

Presentáronse 20 traballos sobre o tema proposto: “O QUE PASA AO MEU ARREDOR”. Na categoría A, ata 8 anos, presentáronse 11 debuxos e 2 narracións; na categoría B, de 9 a 11 anos: 2 debuxos e 0 narracións; e na categoría C, de 12 a 16 anos: 2 debuxos e 3 narracións.
Conformou o xurado:

Roberto García Pernas, Alcalde do Concello de Xermade.
Rosa María Seijo Pita , Conserxe do CEIP. Plurilingüe de Xermade.
Nélida Coira Pena, Concelleira de Benestar social e Igualdade.
Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello de Xermade, responsable temporal da Biblioteca Pública Municipal de Xermade.
A deliberación do xurado rematou ás 16.40 horas, e despois de ler as narracións e valorar os debuxos tendo en conta a orixinalidade, o desenvolvemento, a imaxe plástica do conxunto, a corrección do texto e a súa relación co tema do certame; propuxéronse por cada modalidade e categoría as obras e autores premiados que a continuación se relacionan:

DEBUXO
Categoría A, ata 8 anos:
Gael Otero Gómez
Xela Prieto Lomba
Mara Piñeiro Campo

Categoría B, de 9 a 11 anos:
Adrián Canto Folgueira
Alba Monteiro López

Categoría C, de 12 a 16 anos:
Vania Michelle Pinto Portal
Isabel Freire Monteiro

NARRACIÓN
Categoría A, ata 8 anos:
Martina Fernández Salgado
Lois Martínez Bermúdez

Categoría B, de 9 a 11 anos:
DESERTO

Categoría C, de 12 a 16 anos:
Jenifer Pinto Portal
Aroa Blanco Prieto
Sarai Paz Prieto

Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Horario temporal de apertura da biblioteca de Xermade

A biblioteca municipal de Xermade terá un novo horario de apertura dende o luns 9 de maio ata novo aviso, por cuestións organizativas de persoal, que será de 15.00 a 18.30 horas de luns a venres.

No caso de que algunha persoa usuaria queira facer uso do préstamo e devolución de libros fóra dese horario, poden contactar coa educadora familiar (Lucía Guizán) no teléfono 678 74 41 78.

O Concello está tramitando a formación dunha bolsa de emprego para a cobertura da vacante de auxiliar de biblioteca como persoal funcionario interino. O anuncio foi publicado no BOP nº 102 o xoves 5 de maio de 2022, e as bases íntegras poden consultarse na sede electrónica municipal. O prazo de presentación de instancias finaliza o luns 16 de maio (ao ser o domingo día inhábil).

Bases bolsa de emprego auxiliar biblioteca: Bases auxiliar biblioteca

O Pleno acorda investir o remanente na reparación de vías municipais e adquisición da reitoral de Roupar

O Pleno xermadino reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 7 de abril, con varios asuntos na orde do día. Entre eles, dúas modificacións de crédito financiadas con remanente líquido de tesourería procedente da liquidación do exercicio 2021. En total, investirase 455.251,53 euros en 4 proxectos de reparación de vías municipais:

  • Reparación de estradas en A Ermida, O Chao, Lousada, Badoi e A Silva (167.668,19 euros, IVE incluido)
  • Reparación de estradas en A Criba, Cabreiros, Candamil e O Aruxo (182.991,64 euros, IVE incluido)
  • Reparación de pistas forestais zona norte (41.713,07 euros, IVE incluido)
  • Reparación de pistas forestais zona sur (44.490,13 euros, IVE incluido)

O custe das obras ascende a 441.263,29 euros, e os 13.998,24 euros restantes van destinados aos honorarios de redacción dos proxectos e dirección das obras.

Por outra banda, adícanse 50.000 euros á adquisición da reitoral de Roupar, compravenda que non puido formalizarse no ano 2021 por requirir unha segregación previa que se atopa pendente das autorizacións sectoriais de Patrimonio e o Servizo de Vías e Obras da Deputación de Lugo.

Tamén se adican 15.000 euros a financiar un convenio coa Universidade da Coruña para a redacción do proxecto básico e de execución da Casa da Veciñanza de Roupar e a documentación esixida polo Instituto de Transición Xusta para solicitar as axudas que se van convocar a finais de maio; así como para a rehabilitación de reitoral de Xermade, adquiririda en novembro de 2021.

Por último, prevese unha partida de 3.000 euros para adquirir a parcela na que se ubicará a depuradora do Campo da Feira, en Momán, que se executará neste 2022 con cargo a un convenio asinado coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Nesta sesión ordinaria tamén se aprobou unha declaración institucional de integridade e compromiso ético, de cara á xestión de fondos europeos en execución das medidas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que esixe dispoñer dun Plan de medidas antifraude.

Douse conta tamén ao Pleno da aprobación da liquidación do orzamento do exercicio 2021, que se saldou cun resultado orzamentario axustado de 235.217,53 euros e un remanente líquido de tesouraría para gastos xerais de 961.005,07 euros.

Por último, a Alcaldía informou ao Pleno respecto das solicitudes de axudas presentadas dende a sesión ordinaria do mes de abril. Pode consultar o contido do informe:20220404_Informe_Informe_INFORME DA ALCALDÍA

 

Día do Libro 2022 en Xermade

Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2022”

Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2022”, en colaboración coa Biblioteca Pública de Lugo.

Este ano o certame leva por tema o seguinte: “O que pasa ao meu arredor“; e vai dirixido a nenas e nenos de 0 a 16 anos establecéndose 3 categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos; e C, de 12 a 16 anos.

O prazo de presentación dos traballos rematará o 10 de maio debendo ser entregados polos seus autores na Biblioteca Pública Municipal.

Os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.