A Biblioteca de Xermade é unha institución de carácter público e gratuíto que depende do Concello de Xermade e está integrada na Rede de Bibliotecas de Galicia. Situase na planta baixa da antiga escola unitaria.

Comezou a súa andadura no ano 1994 cun fondo bibliográfico de 1500 volumes que se foi consolidando ata superar actualmente os 10.000.

Nas Campañas de animación á lectura María Moliner convocadas polo Ministerio de Cultura e Deporte, a biblioteca de Xermade acadou catro premios nos anos 2012, 2016, 2017 e 2018, por diferentes proxectos de dinamización lectora; que supuxeron unha moi boa fonte de financiamento para actualizar o seu fondo bibliográfico e unha distinción á labor da biblioteca no seu compromiso coa cultura.

O seu obxectivo primordial é facilitar o acceso á información nos seus diferentes soportes, cubrindo os campos da formación, ocio, cultura e información aos usuarios. Busca, pois, ser un espazo de encontro, onde poder formarse, aprender, compartir experiencias e relacionarse a través do seu fondo, programación de actividades para tódolos públicos e cesión de espazos para a veciñanza.

Estes son algúns dos servizos que presta:

Servizo de información e referencia: Atención de todo tipo de procura de información. Esta información pode consultarse de forma presencial, telefónica ou por outros medios (correo electrónico, redes sociais…).

Información bibliográfica: Atención de todo tipo de consultas sobre a colección e recursos da biblioteca.

Publicacións de guías de lectura e boletíns de novidades. Para celebrar algunha data sinalada no calendario do libro e da lectura elabóranse boletíns de novidades.

Servizo de reprografía.

Formación de usuarios: Ensínase aos usuarios a localizar a información na biblioteca. Para acadar esta formación búscase a colaboración permanente co centro de ensino do municipio a través da realización de visitas guiadas programadas.

Lectura en sala: A Biblioteca de Xermade dispón dunha ampla colección de documentos que se poden consultar libremente nas nosas salas. Neste momento conta con 36 postos de lectura. Este servizo ofrécese de maneira simultánea en dúas salas da biblioteca:Sala infantil e xuvenil e Sala de adultos

Préstamo: Dispón de varias opcións de préstamo: Préstamo a domicilio, préstamo interbibliotecario e préstamo de libros electrónicos a través da plataforma GaliciaLe.

Solicitude de novas adquisicións: Poderase solicitar a compra de documentos que a biblioteca non teña e que os usuarios estimen oportuno que deben formar parte do seu fondo documental.

Internet e Wifi: A Biblioteca dispón de dous ordenadores portátiles de uso público para o acceso a Internet. Na sala de adultos da biblioteca temos unha rede Wi-Fi pública e gratuíta onde calquera usuario que o desexe pode conectarse co seu dispositivo electrónico: portátil, tablet, teléfono móbil…

Actividades de animación á lectura: Realízanse diversas actividades para adultos, pero, principalmente, preténdese que os nenos, nenas e adolescentes descubran o pracer de ler, que vexan os libros como algo ameno co que poder pasar bos momentos, ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos. Estas son algunhas das actividades de promoción da lectura e culturais que organiza a biblioteca: sesión de contacontos, obradoiros literarios, mostras bibliográficas, exposicións, certames, representacións teatrais, presentación de libros, etc..

HORARIO: De 15 h. a 21 h.

ENDEREZO: Avda de Vilalba, s/n 27833.-Xermade (Lugo)

TELÉFONO: 982501055

ENDEREZO ELECTRÓNICO: xermade.rbgalicia@eidolocal.es

REDE SOCIAL DA BIBLIOTECA: https://www.facebook.com/bibliotecadexermade/

https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/

Entrevista Está pasando Xermade biblioteca