Contacontos “Médico de Familia(s)” de Pedro Brandariz.

 

Actividade do Programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imos ter de xeito presencial na Biblioteca de Xermade.

Será unha sesión de narración oral que leva por título: “Médico de Familia(s)”, un contacontos arredor de novos modelos familiares versionados pola visión cómica de Pedro Brandariz.

Será o 6 de agosto ás 19:00 h. na biblioteca municipal ou espazo exterior anexo á mesma, se as condicións metereolóxicas o permiten.

Route 66

 

Dous grandes músicos de Blues de prestixio mundial chegados de Cansasiti saen a escena coa intención de interpretar o seu clásico repertorio. Pero nada máis comezar desátase o caos: os micros non funcionan… os cables enléanse… as partituras caen en cascada… Un desastre! Mil e unha situacións complicadas e cheas de comicidade levarán a estes dous elementos a poder interpretar finalmente o seu peculiar concerto. Un espectáculo de clown musical, para pequenos e
maiores, que busca a risa constante e a interactuación co público, con grandes doses de improvisación
e xogo escénico, que ven amosarnos que o éxito está no fracaso, asumido con alegría e ganas de
mellorar.

The Blues Grampas é unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban (voz do “Xabarín” no programa Xabarín Club da TVG, actor en espectáculos como o musical “Galicia Canibal”, e colaborador habitual da compañia de teatro infantil Trinke-Trinke) e Carlos Sante (a famosa vella “Carmiña” en “Carmen, Gelines e D. José” do trío San&saN no programa Luar durante cinco temporadas, e actor en series como O Faro, Padre Casares, Matalobos, Serramoura, Fariña…).
Ambos conflúen dende 2004 na Asociación Manicómicos da Coruña, levando a cabo cantidade de proxectos artísticos en común, como galas, animacións de rúa, dirección de eventos, presentacións, espectáculos de variedades, e un longo etcétera. No 2015 crean o dúo cómico musical The Blues Grampas, co obxectivo de divertir a tódolos públicos cos seus excéntricos personaxes clownescos. Route 66 é o seu primeiro espectáculo, estreado no Teatro Rosalía da Coruña o 3 de xaneiro de 2016, dentro da gala XII aniversario de Manicómicos.

 

 

 

Adxudicadas as obras de reparación de vías do Plan Único 2021

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade adxudicou os dous proxectos de obras de reparación de vías municipais incluidas no Plan Único 2021, tras a súa licitación por procedemento aberto simplificado. O adxudicatario de ambas obras foi José Sanjurjo Construcciones SL, nas seguintes condicións:

1º. Reparación de estradas en Momán, Bidueiro, Pena de Arca, Liñarón, Mede e Seixido- Plan Único 2021

– Oferta económica: 46.859,70 euros e 9.840,54 euros correspondentes ao IVE, o que supón un total de 56.700,24 euros (IVE engadido)

– Control de calidade externo: 2% sobre o PEM

– Ampliación de garantía de 2 anos (sobre o mínimo esixido)

2º. “Reparación de estradas en Picoucelo, Vilacide, O Rego, Nova, Gandia, A Pinguela, Roupar, A Graña, A Pía, etc– Plan Único 2021

– Oferta económica: 59.248,34 euros e 12.445,15 euros correspondentes ao IVE, o que supón un total de 71.690,49 euros (IVE engadido)

– Control de calidade externo: 2% sobre o PEM

– Ampliación de garantía de 2 anos (sobre o mínimo esixido)

As baixas obtidas en ambas licitacións suman un total de 57.956,91 euros, que serán destinados a financiar outro proxecto de reparación de camiños.

Tamén foi adxudicada, mediante contrato menor de obras, a “Mellora de beirarrúas en Roupar-fase II”, en 26.661,31 euros á empresa Cholo SL. A baixa obtida (2.006,76 euros) será destinada a financiar a ampliación de beirarrúas en Roupar.

A subministración de luminarias para mellora da eficiencia enerxética, tamén financiada ao 100% con cargo ao Plan Único 2021, adxudicouse a Electricidad Moncho y Santomé SL, por importe de 11.890,17 euros.

O Concello de Xermade adxudica o Plan de Mellora de camiños 2021-2022

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade reuniuse o pasado mércores 14 de xullo de 2021, en sesión ordinaria, para adxudicar diversas obras de reparación de camiños, entre as que destaca “Mellora de camiños en Sanche, Piñeiro e O Tarrelo”, financiada con cargo ao Plan de Mellora de Camiños 2021-2022 de Agader.

Tras a xustificación da baixa temeraria presentada, a mesa de contratación reunida o 1 de xullo de 2021 elevou ao órgano de contratación proposta de adxudicación en favor da empresa Cholo SL, que realizou a seguinte oferta:

– Oferta económica: 44.472,82 euros e 9.339,29 euros correspondentes ao IVE, o que supón un total de 53.812,11 euros (IVE engadido)

– Melloras ofertas: limpeza de cunetas e marxes, con medios mecánicos ou manuais, incluíndo apilado e carga en camión de residuos xerados, e transporte a vertedoiro ou lugar designado pola dirección de obra: 3.813 metros lineais por ambas marxes

– Ampliación de garantía de 36 meses (sobre o mínimo esixido)

A obra será dirixida pola técnica de medio ambiente, urbanismo e obras municipal, e prevese o seu inicio no presente verán.

A viaxe de Rosalía

XIV Campamento de verán “XERMADE CONCILIA 2021”

  •  Datas: do 26 de xullo ata o 13 de agosto (agás festivo)

 

  •  Lugar: Carballeira de Momán e nave do concello

 

  •  Dirixido a nenas e nenos de 3 a 16 anos

 

  •  Horario:

                      Completo: 8.00 a 14:00 (só no caso dun mínimo de 5 solicitudes)

                      Reducido: 10.30 a 14:00

 

  • Actividades: Xogos de artes, obradoiros tradicionais, pintura, música… Saídas a Cerceda, praia, e … ¡¡festa!!

 

  •  Inscrición: No concello, desde o día 28/06 ata o 9/7

 

  •  Documentación: Solicitude cuberta (Anexo I das bases). Declaración xurada(Anexo II das bases). Fotocopias: libro de familia e/ou título de familia numerosa/ – DNIs do/a neno/a, dos pais/ nais ou titoras/es e tamén das persoas autorizadas para a entrega e recollida – Tarxeta sanitaria do neno/a. – Acreditación da situación laboral dos pais/nais (activo ou desemprego).

 

  • Máis información: Educadora familiar (Lucía) 678 744 178

          *Bases: Bases Campamento verán 2021,  Anexo I , Anexo II

 

 

 

 

Camiños de mar, terra e vento do programa ler conta moito

Sesión de narración oral a cargo da actriz, escritora e narradora Paula Carballeira e que leva por título: “Camiños de mar, terra e vento“, dirixido a nenas e nenos maiores de 4 anos e precisamos inscrición previa, xa que o aforo é limitado.

É a primeira das actividades do Programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imos ter de xeito presencial na Biblioteca de Xermade.

 

Sesión ordinaria do Pleno celebrada o 10 de xuño de 2021

O Pleno da Corporación reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 10 de xuño. Na parte resolutiva, aprobouse a adhesión ao convenio entre a FEMP e a AEAT para a subministración de información tributaria ás entidades locais, que substitúe ao convenio asinado no 2003.

Por outra banda, aprobouse inicialmente unha modificación de crédito para a adquisición das reitorais de Xermade e Roupar, por importe de 110.000 euros, tras chegar a un acordo o Concello e a Diócese de Mondoñedo-Ferrol. A reitoral de Xermade – actualmente en réxime de cesión de uso- foi rehabilitada parcialmente polo Concello, mentras que a reitoral de Roupar precisa tamén de obras de acondicionamento, unha vez que se determine o uso que se lle vai dar ao inmoble.

Na parte de fiscalización e control, entre outros asuntos, informouse da remisión á Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais da execución trimestral do 1º trimestre, e do Período Medio de Pago (12,39 días).

Licitacións de obras e axudas aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 12 de maio de 2021

A Xunta de Goberno Local do Concello de Xermade reuniuse en sesión ordinaria o pasado mércores 12 de maio. Entre os asuntos que se trataron, cabe destacar a licitación do proxecto “Mellora de camiños en Sanche, Piñeiro e O Tarrelo”, financiado con cargo ao Plan de Mellora de Camiños 2021-2022 de Agader, por importe de 69,515,71 euros (IVE incluido); e de dous investimentos financiados con cargo ao Plan Único 2021: “Reparación de estradas en Picoucelo, Vilacide, O Rego, Nova, Gandia, A Pinguela, etc.”, por importe de 105.382,00 euros (a achega municipal ascende a 15.325, 20 euros); e “Reparación de estradas en Momán, Bidueiro, Pena de Arca, etc.”, por importe de 80.965,64 euros.

Tamén se aprobaron as bases e a convocatoria das axudas a familias para nacementos, adopcións e acollementos, de 900 euros por familia, ata o crédito máximo de 7.200,00 euros.

Douse conta da concesión dunha axuda convocada por Resolución do 18 de novembro de 2020, da Secretaría Xeral de Formación Profesional, pola que se conceden axudas a entidades locais territoriais e entidades públicas dependentes das entidades locais territoriais para a creación de aulas de formación aberta, flexible e a distancia mediante tecnoloxías da información e da comunicación a través de Aula Mentor, recibida o 30/04/2021 (rexistro nº 2021-E-RC-706), pola que Xermade resulta beneficiaria por importe de 4.000,00 euros.

Por último, úxose en coñecemento da Xunta de Goberno Local a inadmisión por parte da Consellería de Medio Ambiente da solicitude de axuda para ampliación de beirarrúas en Roupar, ao abeiro da Orde do 5 de marzo de 2021 (publicada no DOG o 8 de marzo), por esgotamento do crédito. Segundo publicou a Consellería no DOG o 28 de abril, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito entrou ás 00.09.43 horas do 9 de marzo.