Sesión ordinaria do Pleno da Corporación

O Pleno xermadino reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 11 de agosto. Entre os asuntos que se trataron na sección resolutiva están a aprobación dunha modificación de crédito para facer fronte á achega municipal da agrupación Guitiriz-Xermade para a adquisición dun punto limpo móbil, por importe de 6.808,83 euros; a aprobación inicial da ordenanza reguladora da taxa polo aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga, e hidrocarburos do Concello de Xermade, polo que se prevé ingresar arredor de 10.000 euros no exercicio 2023; a inclusión dunha subvención nominativa a favor da Universidade de Santiago para o proxecto “O papel dos microminerais no doente oncolóxico na provincia de Lugo”, dirixido pola investigadora e profesora Marta López Alonso; e a modificación da adicación parcial da concellería delegada de Medio rural, Emprego, Infraestruturas de Auga, Sumidoiro, Alumeado Público e recollida de RSU, Medio ambiente e Forestal (aprobada por acordo plenario de data 15 de xullo de 2019), que pasa a ser de 26 horas/semana, cun soldo bruto anual de 16.373,76 euros en 12 pagas a partires do 1 de setembro de 2022.
Na sección de control e fiscalización informouse ao Pleno da aprobación de tres proxectos por parte da Xunta de Goberno Local o 29 de xullo de 2022, en concreto:
1º. O proxecto de obras da depuradora do Campo da Feira, en Momán, que vai executar a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cun orzamento de licitación de 257.902,09 euros, correspondendo ao Concello de Xermade a obtención dos terreos.
2º. O proxecto de obras de rehabilitación da Reitoral de Xermade para convertela nun Centro Internacional da Torneiría.
3º. O proxecto de obras de rehabilitación e ampliación da Reitoral de San Pedro Fiz de Roupar para convertela en Casa da Veciñanza, unha dotación dixirida á terceira idade.
Estes dous proxectos, redactados pola Universidade da Coruña, foron presentados a unha convocatoria de axudas do Instituto de Transición Xusta, para o que se solicitou o 100% dos custes, que ascenden a 403.000 euros no caso da Reitoral de Xermade e 1.490.000 euros no caso da Reitoral de Roupar.

Admisión no Campamento de Verán “Xermade Concilia 2022”

Logo de rematar o prazo de inscrición no Campamento de Verán “Xermade Concilia 2022”, informamos que todas as solicitudes recibidas son ADMITIDAS.

Habendo prazas vacantes unha vez rematado o período de inscrición, segundo a Base 8 das Bases Xermade Concilia 2022“, aceptaranse posibles novas solicitudes por orde de rexistro de entrada ata completar as prazas ofertadas.

Documentación a presentar:

Anexo I 2022
Anexo II 2022
• Fotocopia do Libro de familia e/ou título de familia numerosa
• Fotocopia do DNI dos pais/nais
• Fotocopias dos DNIs das persoas autorizadas para a entrega e recollida das/os nenas/os.
• Fotocopia do DNI do/a neno/a
• Fotocopia da tarxeta sanitaria da/o nena/o
• Acreditación da situación laboral (activo ou desemprego): pode acreditarse a través da parte de arriba da última nómina

Máis información no Concello de Xermade ou no 678 744 178 (Educadora familiar)

IX PREMIO DE INVESTIGACIÓN “XERMADE NA HISTORIA”

O Concello de Xermade e a Asociación de Veciños de Cabreiros, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, convocan o IX Premio de Investigación “Xermade na historia”, financiado pola Exma. Deputación de Lugo, que será regulado polas seguintes

BASES

1. As persoas interesadas poderán participar tanto a nivel individual como colectivo.
2. Cada autor/a poderá concursar con cantos traballos desexe.
3. Os temas sobre os que poderán versar os traballos deberán estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do Concello de Xermade (tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, etc).
4. Haberá dous premios:
– 1º Premio, dotado con 2.000 euros.
– 2º Premio, dotado con 1.000 euros.
5. Os traballos deberán ser entregados no rexistro do Concello de Xermade baixo pseudónimo, ou a través de correo postal (nunca telemáticamente). En sobre pechado serán incluídos os datos pa persoa participante: Nome, enderezo, teléfono…
6. Coa presentación dos orixinais deberá ser incluída, tamén, a seguinte documentación:
– Curriculum Vitae ou, se é do caso, información detallada das características da asociación, colectivo, grupo…
– Modelo de presentación debidamente cumprimentado. O modelo poderá descargarse da páxina web do concello: www.xermade.org
7. Deberase entregar o orixinal en papel DIN A4 e copia en CD ou en memoria USB, en PDF e en formato editable, fonte Times New Roman, tamaño 12, e entreliñado 1,5.
8. A extensión dos traballos será dun mínimo de 50 folios e un máximo de 400. As páxinas ocupadas polas notas, bibliografía, mapas, fotografías, etc, tamén se contabilizarán.
9. Os traballos deberán ser realizados e presentados e en lingua galega. A data límite de presentación dos traballos será o día 24 de febreiro de 2023.
10. O xurado estará presidido polo Sr. Alcalde do Concello de Xermade, e catro vogais: Presidente da Asociación de Veciños de Cabreiros e tres especialistas en materias relacionadas co patrimonio etnográfico e cultural. Actuará como secretario/a un/ha funcionario/a do concello de Xermade. A composición do xurado determinarase por resolución de alcaldía que se fará pública antes do 24 de marzo de 2023.
11. Unha vez que o xurado falle os premios, que poderán ser declarados desertos, daranse a coñecer a través dos medios de comunicación.
12. As persoas premiadas deberán comunicar por escrito ao Concello de Xermade a aceptación do Premio no prazo de oito (8) días naturais a partir da data da comunicación da concesión do mesmo.
13. As obras premiadas poderán ser editadas polo Concello dentro do prazo de cinco (5) anos; transcorrido o mesmo, os seus autores/as disporán delas libremente, pero no momento, se é do caso, da súa publicación, deberán consignar a distinción concedida.
14. A Asociación de Veciños de Cabreiros e o Concello de Xermade poderán solicitar do autor/a calquera aclaración que estimen conveniente en relación co traballo. Así mesmo, poderán deixar sen efecto o Premio se o beneficiario incumpre as obrigacións sinaladas nas presentes Bases.
15. As cuestión non previstas nestas bases serán resoltas polo xurado de acordo co seu libre criterio.
16. A participación no Premio implica a total aceptación das presentes Bases.

Modelo de presentación IX Premio

Bases IX Premio XERMADE NA HISTORIA

A igualdade non ten truco

“A igualdade non ten truco” é un espectáculo de maxia que procura promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.

É certo que estamos afeitos a ver magos, pero tamén teñen existido e existen hoxe moitas mulleres magas. A igualdade non ten truco é unha charla espectáculo de maxia que procura promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas. Da man de Sara Rodríguez e Carlos Tomico, un espectáculo divertido e máxico, pensado para transmitir ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual.

As magas antigas e modernas tiveron e aínda teñen que enfrontarse a unha realidade chea de estereotipos e prexuízos tanto por parte do público como dos seus compañeiros ilusionistas. Estes problemas non existen só no mundo da maxia, polo que tamén veremos como estas desigualdades se dan na vida cotiá de todas as mulleres e en moitas outras profesións.

A igualdade non ten truco xa foi representado en numerosos centros de Educación Primaria e Secundaria de toda Galicia, cunha moi boa acollida tanto das alumnas e alumnos como do equipo docente.

Idade recomendada: a partir de 6 anos.

Feira do xoves 7 de xullo, ás 12.00 horas na Biblioteca Municipal de Xermade

Campamento de Verán “Xermade Concilia 2022”

Servizo educativo e de esparexemento para nenas e nenos de 3-16 anos, durante os períodos de vacacións escolares de verán cuns contidos educativos e divertidos en base a unha programación educativa que conteña aspectos de educación para a convivencia, a igualdade a interculturalidade, a saúde e o consumo responsable e o ocio saudable. Haberá saídas/excursións, para que os/as rapaces coñezan mellor a súa contorna (Parque acuático de Cerceda, praia…).

Levarase a cabo do 26 de xullo ao 12 de agosto na parroquia de Momán (Xermade). O horarios será de 9.00 a 14.00 horas. Non se inclúe na actividade o día 8 de agosto, festivo local.

O prazo de inscrición será do luns 4 ó 12 de xullo (ambos incluídos) no Concello de Xermade.

Documentación necesaria para a inscrición:

Anexo I 2022
Anexo II 2022
• Fotocopia do Libro de familia e/ou título de familia numerosa
• Fotocopia do DNI dos pais/nais
• Fotocopias dos DNIs das persoas autorizadas para a entrega e recollida das/os nenas/os.
• Fotocopia do DNI do/a neno/a
• Fotocopia da tarxeta sanitaria da/o nena/o
• Acreditación da situación laboral (activo ou desemprego): pode acreditarse a través da parte de arriba da última nómina

Bases Xermade Concilia 2022

FINANCIADO POLA SECRETARÍA XERAL DE IGUALDADE

“O achado do castro”

¡Volve o teatro a Roupar! Nesta ocasión, cunha divertida historia que nos trasladará á Roma antiga. E como boa historia romana, hai un emperador, que é de todo agás espelido, soldados, filósofos barbudos e sabios, e… unha historia de amor. Humor, situacións inauditas e, sobre todo, unha trama engaiolante.

Elenco (por orde de aparición)

Marcelino Hermida Guerreiro …………………. Catulo
Frankie Muíño ………………………………………………… Caleno
Mónica Gato ………………………………………..…………. Soldado/Escravo
Rosa Ramos Balsa …………………………..………… Soldado
Marcos Hermida López ……………………………. Manolitus
Sonia López Puentes …………………………………. Carmiñae
Xosé Cendán Montero ……………………………….. Emperador
MªPilar Gómez Gato …………………………………… Citrón/Arpexia

Texto: Manuel Núñez Singala

Dirección: Cristina Mariño

O Concello de Xermade ultima os preparativos do campamento de verán

A Alcaldía aprobou na data de hoxe o expediente de contratación do campamento de verán “Xermade Concilia 2022”, que terá lugar do 26 de xullo ao 12 de agosto, en horario de mañá (de 09.00 a 14.00 horas). Coma nas edicións anteriores, acollerase a un máximo de 50 crianzas, de 3 a 16 anos, sendo necesaria a inscrición dun mínimo de 10 para que se poda celebrar.
O prazo de inscrición para as familias interesadas será do 4 ao 12 de xullo de 2022.
O prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas remata o 1 de xullo de 2022, e toda a documentación relativa a esta licitación pode consultarse na Plataforma de Contratación do Estado e na sede electrónica municipal (perfil do contratante).

“Procúra-se Pepa a Loba” o mércores 22 de xuño na Biblioteca Municipal de Xermade

Elenco: Cristina Collazo

PROCURA-SE PEPA A LOBA, POR TERRA E MAR

Ano 1890. Inauguración da taberna de Pepa a Loba. A súa gavela ó completo: Xan Quinto “o vello”, Maninocente e Calamity Jane celebran este día tan esperado, mais… un cobizado tesouro se agocha moi perto e so ela sabe o segredo. Precisa da túa colaboración…ATRÉVESTE?

Trátase dun contacontos interactivo onde a danza e a música se funden coa natureza, poñendo en valor a a amizade e a perspectiva de xénero.

Idades recomendadas: 5 a 12 anos

Logo do espectáculo, faremos entrega dos premios do Certame “Letras Galegas 2022”

O Pleno celebrou sesión ordinaria o pasado xoves 9 de xuño

O Pleno xermadino reuniuse en sesión ordinaria o pasado xoves 9 de xuño, ás 20:00 horas. Entre os asuntos que se trataron na parte resolutiva destaca a solicitude á Xunta de Galicia de aprobación da delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago, tamén chamado “Camiño Real”, recollendo a petición do denominado “Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba-Betanzos)”.
Por outra banda, tamén se aprobou o Plan de Medidas Antifraude, que vai permitir ao Concello de Xermade garantir que os fondos correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que vai xestionar e executar se empreguen de conformidade coas normas aplicable á prevención, á detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses. Será a Secretaría-Intervención municipal o órgano encargado da implantación e control deste plan.
Na parte de fiscalización e control, douse conta dos envíos realizados á Oficina Virtual de Coordinación Financeira coas Entidades Locais, entre o que destaca o Período Medio de Pago do primeiro trimestre: 13,75 días.
Tamén se dou conta do informe-resumo dos resultados do control interno no exercicio 2021, e do Plan Anual de Control Financeiro do exercicio 2022, así como das resolucións da Alcaldía contrarias aos reparos efectuados pola Intervención no exercicio 2021.
O Pleno reunirase novamente en sesión ordinaria o segundo xoves do mes de agosto.

O Concello de Xermade solicita axudas para crear un Centro Internacional da Torneiría na Reitoral de Xermade

A Xunta de Goberno Local acordou, o 8 de xuño de 2022, solicitar unha axuda por importe de 373.196,48 euros ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao abeiro da Orde TMA/178/2022, pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O anteproxecto foi redactado pola doutora en arquitectura Luz Paz Agras e a arquitecta contratada pola Universidade da Coruña Marta Marcos Maroño, en base ao convenio de colaboración coa UDC aprobado pola Xunta de Goberno Local na mesma sesión, que ten por obxecto impulsar a rehabilitación das reitorais de Xermade e Roupar.
A rehabilitación da Reitoral de Xermade permitirá destinar este inmoble a un uso público de carácter cultural, cun espazo adicado a exposición permanente da torneiría, oficio tradicional de grande importancia no municipio, que celebra un encontro internacional no mes de setembro cada ano.
Porén, o convenio asinado coa UDC abrangue tamén a solicitude de axudas para a posta en marcha do proxecto “Casa da Veciñanza de Roupar”, o que permitirá a rehabilitación da Reitoral de San Pedro Fiz e a súa ampliación para uso asistencial, partindo do prototipo de equipamento dotacional para maiores no rural galego realizado por unha equipa multidisciplinar de docentes da UDC para a Deputación de Lugo en outubro do ano 2021.